
O Entroido xa está aquí e, nas próximas horas, mergullarémonos de cheo nunha explosión de cor, música e tradicións ancestrais. Os folións farán tremer as rúas, mentres mázcaras e boteiros encherán de maxia cada vila e aldea. Entre Charrelos, Xigantes e fariñadas, viviremos a esencia desta festa ancestral.

Faremos parada obrigatoria en festas gastronómicas como a Androlla en Viana, o Cabrito en Vilariño, a Soá na Veiga ou o Xantar de Manzaneda, sen esquecer o Cocido da Rúa ou o Porco ao Espeto en Vilariño. Os máis pequenos tamén terán o seu momento no Entroido infantil. E para os amantes do espectáculo, os grandes desfiles de O Barco, A Rúa, Rubiá, Vilamartín ou Quiroga serán citas ineludibles.

Desde o renacer do Entroido no Bolo ata a queima dos lardeiros en Vilariño, pasando polo Entroido Bodegueiro de Biobra ou as furracas detallamos onde ir e que facer para non perder nada ata o Mércores de Cinza.
O Bolo, recuperando as figuras do Entroido
O Bolo está a recuperar o esplendor da súa tradición, destacando o fulión con máis de douscentos anos de historia e as emblemáticas figuras do Touro e o Xigante. O venres 28 de febreiro, a celebración encherá as rúas de cor e son.
A xornada comezará ás 11:00 h no CEIP do Bolo, onde o Touro, o Xigante e as Mázcaras de Buxán visitarán o colexio no Día de Disfraces. Pola tarde, ás 19:00 h, arrincará o Fulión de Buxán no Bar Murias (Cambela), mentres que o Touro e o Xigante de Celavente farán o propio no Restaurante Boa Vista (Lentellais).
A festa continuará ás 20:00 h cun pasarrúas e a xuntanza dos grupos no Bolo, unindo tradicións e xeracións. Para pechar a noite, ás 21:00 h unha pinchada no polideportivo, completa unha xornada de música, baile e identidade cultural.
Un día cheo de festexos e tradicións que reviven o auténtico espírito do Entroido do Bolo!
Viana, comparsas, Entrudio e Festa da Androlla
Viana do Bolo prepárase para vivir unha das súas festas máis emblemáticas, o Entroido e a tradicional Festa da Androlla, cunha intensa programación que enche as rúas de música, fariña e tradición.
O domingo 1 de marzo, as comparsas percorrerán as aldeas da parroquia do Padre Eterno a partir das 11:00 h e, pola tarde, ás 17:00 h, estarán en Pradocabalos. Ás 18:00 h celebrarase unha gran fariñada acompañada de folións.
O Domingo Gordo, 2 de marzo, arrincará ás 11:30 h cun desfile de fulións, boteiros e carrozas. Ás 15:00 h terá lugar o xantar da 53ª edición da Festa da Androlla, unha das citas gastronómicas máis importantes da zona. Desde as 11:00 h poderase visitar o "II Mercado Artesanal e de Produtos Locais", que este ano contará cun concurso ao posto mellor decorado. A festa continuará ás 19:00 h cos folións e ás 20:30 h coa actuación da charanga Louband.
O Luns de Entroido, 3 de marzo, será o día dedicado á cativada, cun desfile infantil ás 16:30 h, seguido de xogos e animación na Praza Maior ás 17:30 h. Pola noite, ás 20:00 h, soará o Fulión Trapalleiro.
O Martes de Entroido, 4 de marzo, comezará ás 12:00 h co desfile dos fulións e boteiros. A partir das 16:00 h, a fariña volverá ser protagonista, seguida dun gran folión. Xa pola noite, ás 23:30 h, os fulións partirán do Pavillón ata a Praza Maior, dando paso á Queima dos Lardeiros á medianoite. A festa continuará ás 00:30 h cun baile, concurso de disfraces e discomóbil.
O peche do Entroido chegará o Mércores de Cinza, 5 de marzo, co tradicional Enterro da Sardiña ás 18:00 h. Para despedir as festas, ás 19:00 h terá lugar unha gran sardiñada con torradas no Cabo da Vila.
Un Entroido único, cheo de historia, cor e a mellor gastronomía de Viana do Bolo!
Vilariño de Conso.Festa do Cabrito e desfile
Vilariño de Conso prepárase para unha fin de semana de festa, tradición e gastronomía coa súa 36ª Festa do Cabrito, que terá lugar o sábado 1 de marzo, coincidindo co Entroido.
A xornada comezará ás 11:00 h coa apertura do mercado de artesanía na praza do pobo. Ás 11:30 h dará comezo o desfile de fulións e o concurso de carrozas, enchendo as rúas de ritmo e cor. O punto forte será o xantar da Festa do Cabrito, arredor das 14:30 h, onde se poderá degustar sopa de pastor, chourizo escaldado con cachelos, cabrito asado con ensalada, bica, viño, auga e café.
Esta festa naceu en 1988 para dar saída ao excedente de cabrito, escollendo o Entroido como data pola baixa demanda do produto nesta época. Inicialmente celebrábase no Domingo Gordo, pero trasladouse ao sábado para evitar coincidencias cos Entroidos de Viana do Bolo e Manzaneda, coas que Vilariño promove a celebración conxunta do chamado “triángulo máxico” do Entroido ourensán.
O domingo 2 de marzo, Domingo Gordo, ás 20:00 h, realizarase unha visita a unha aldea da contorna cunha pequena representación de versos dunha foliada tradicional.
O Luns de Entroido, 3 de marzo, a festa continuará ás 19:00 h coa ronda de fulións. Ás 20:30 h, na carpa do patio do colexio, celebrarase a tradicional degustación do “Porco ao espeto”, seguida ás 22:00 h dun concurso de disfraces e festa con DJ Tariro.
O Martes de Entroido, 4 de marzo, ás 19:00 h volverán os fulións percorrendo o pobo, culminando co simbólico acto da queima dos lardeiros.
Un Entroido único en Vilariño de Conso, onde a tradición, a festa e a boa comida van da man!
Manzaneda, folións, rondas e desfile
Un Entroido cheo de música, tradición e folións é o que achega Manzaneda para manter viva unha das festas máis arraigadas da comarca.
O sábado 1 de marzo, ás 17:00 h, os Fulións de Burruga e Cubeiros visitarán Langullo, enchendo a aldea co son das súas percusións. O domingo 2 de marzo, á mesma hora, será a quenda da ronda de Fulión en San Martiño.
O luns 3 de marzo, os máis pequenos serán protagonistas coa ronda dos Gusanitos percorrendo a vila de Manzaneda. Ademais, ata o 4 de marzo, os venres e sábados celébranse as tradicionais rondas dos Fulións en varias aldeas da contorna.
O martes 4 de marzo, ás 11:30 h, terá lugar o gran desfile de fulións, que percorrerá as rúas da vila cun espectáculo de sons e bailes. Para rematar a festa, os asistentes poderán gozar dun xantar popular no pavillón.
Un Entroido vibrante e cheo de identidade en Manzaneda!
Rubiá, encontro bodegueiro en Biobra
Biobra acollerá o seu tradicional Entroido Bodegueiro o sábado 1 de marzo, a partir das 19:00 h, cunha celebración que combina viño, música e tradición.
O evento arrancará na nave das festas e contará coa participación de oito adegas, onde os asistentes poderán degustar viños da zona nun ambiente festivo. A música e a animación virán da man do Folión de Petín e Os Viticultores de Vilamartín, que encherán as rúas co seu característicos son de bombos e aixadas.
Unha cita única para gozar do mellor Entroido con sabor a tradición en Biobra!
O Barco, Festa de Carnaval no Casino
O Casino do Barco comeza a recuperar a normalidade e, a pesar de que a súa sala de festexos segue en obras, non renuncia á celebración do Carnaval.
O sábado 1 de marzo, a partir das 20:30 h, a asociación barquense ofrecerá aos seus socios unha pinchada gratuíta (sen incluír bebidas) para festexar o Entroido. Ademais, a noite estará marcada polo concurso de disfraces, no que se entregarán premios ás mellores caracterizacións en tres categorías: disfraz individual, parella e grupo.
Unha ocasión perfecta para gozar do Entroido nun ambiente festivo no Casino do Barco!
A Rúa, entroido infantil, desfile e enterro da sardiña
A Rúa prepárase para vivir un Entroido cheo de actividades para todos os públicos, con música, desfiles e gastronomía.
O sábado 1 de marzo, ás 17:00 h, a Casa da Cultura acollerá o Entroido Infantil, unha festa pensada para os máis pequenos. Pola noite, ás 20:30 h, a banda Broken Peach ofrecerá un concerto na Estación de Autobuses, garantindo animación e bo ambiente.
O martes 4 de marzo, por primeira vez na Rúa, celebrarase un xantar popular ás 14:00 h na Estación de Autobuses. A festa continuará ás 17:00 h co gran desfile de comparsas e folións, que partirá do Campo Grande e rematará na Praza da Estación.
O mércores 5 de marzo, o Entroido despedirase co tradicional Enterro da Sardiña. O velorio terá lugar no atrio de Santo Estevo, e a comitiva acompañará a sardiña ata a súa despedida na Praza César Conti.
Un Entroido cheo de cor, música e diversión na Rúa!
Vilamartín, defile desde A Rodeleira
O sábado 1 de marzo, Vilamartín acollerá o seu tradicional desfile de Entroido, que sairá da Rodeleira ás 16:30 h e percorrerá as rúas ata a Praza, onde os asistentes poderán gozar dunha cholatada e do ritmo de Danzalia, que dará animación ao evento.
Un Entroido vibrante e cheo de diversión en Vilamartín!
Rubiá, desfile desde A Baicela
O domingo 2 de marzo, Rubiá festexará o seu Entroido cun desfile de comparsas que arrancará ás 17:00 h desde A Baicela. Durante o percorrido, os participantes gozarán da animación dunha charanga que aportará o ritmo festivo. O desfile rematará no Pavillón, onde continuará a festa.
Un Entroido animado e cheo de tradición en Rubiá!
Petín, festa infantil e inchables
O luns 3 de marzo, Petín festexará o Entroido cunha festa infantil de disfraces no Teleclub, onde os máis pequenos poderán gozar dun día cheo de diversión. Ademais, o pavillón situado ao carón do Teleclub contará con inchables para que os nenos disfruten de xogos e actividades durante todo o día.
A festa terá horarios de 11:00 a 14:00 h e de 16:00 a 20:00 h, asegurando que todos os pequenos poidan participar na celebración.
Un día de Entroido cheo de risas e xogo para os máis pequenos en Petín!
Entoma, entroido de furracas
A parroquia de Éntoma festexará o seu tradicional Entroido o luns 3 de marzo, unha celebración recuperada co esforzo das mulleres do obradoiro "Fiando a Memoria", promovido pola Concellería de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade do Concello do Barco de Valdeorras.
Este programa, en marcha desde 2022, busca estimular cognitivamente ás persoas maiores e preservar o patrimonio cultural inmaterial da zona.
A festa terá lugar nas antigas Escolas, a partir das 16:30 h, cun encontro comunitario, ruada de furracas e outros personaxes tradicionais, fariñada e unha merenda compartida.
Un Entroido con historia e identidade propia en Éntoma!
O Barco, desfile de Carnaval e Entroido infantil
O Barco de Valdeorras prepárase para celebrar un Entroido repleto de actividades para todos os públicos, que comezarán o luns 3 de marzo, coa Entroido Infantil no Pavillón de Deportes da rúa España ás 18:00 h. A festa incluirá pinchadiscos, un espectáculo de paiasos e un fotomatón, facendo as delicias dos máis pequenos.
O martes 4 de marzo, terá lugar o gran Desfile de Entroido ás 17:30 h, con 22 comparsas e preto de 600 participantes, animados por dous folións e a charanga Os Pendello. O percorrido sairá do Hospital Comarcal e rematará na Praza Maior, onde continuará a festa co baile amenizado por DJ Fru e Barrancas.
O Entroido do Barco pecharase o mércores 5 de marzo, co tradicional Enterro da Sardiña ás 20:30 h na Praza Maior, en colaboración con Gargallada Teatro, e cun reparto de pan e chourizo para os participantes disfrazados.
Un Entroido cheo de música, baile e tradición no Barco de Valdeorras!
A Veiga, Charrelos e Festa da Soá
O Entroido na Veiga estará cheo de actividades e tradición, destacando o desfile de comparsas e fulións o martes 4 de marzo. A festividade arrincará ás 12:30 h desde a rotonda de entrada ao pobo ata a Praza do Concello, onde os participantes desfrutarán do ritmo e a cor propios do Entroido.
Despois do desfile, ás 14:00 h, dará comezo a XXI Festa da Soa no Pavillón Municipal, unha celebración que reúne a veciños e visitantes para disfrutar da gastronomía e o ambiente festivo.
O Entroido rematará o domingo 8 de marzo, ás 16:00 h, cunha nova edición da Xuntanza de Fulión, que percorrerá as principais rúas do pobo, poñendo o broche final a unha semana de festa e tradición.
Un Entroido completo e cheo de espírito na Veiga!
Quiroga, desfile, música e festa para todos
O domingo 2 de marzo dará comezo a celebración do Entroido en Quiroga ás 17:00 horas co tradicional Concurso Desfile de Comparsas. Unha vez rematado o desfile, procederanse á entrega de premios para recoñecer as mellores comparsas e disfraces.
A festa continuará cun animado baile de disfraces amenizado pola charanga Os Caliqueños, onde non faltará a diversión e a boa música. Ademais, os asistentes poderán gozar dunha deliciosa degustación de chocolate con churros.

O luns 3 de marzo, a partir das 17:00 horas, será a quenda dos máis pequenos, que poderán pasalo en grande na Festa Infantil de Disfraces, con actividades pensadas especialmente para eles.