sábado. 07.06.2025

O Entroido de Éntoma volve con forza da man de "Fiando a Memoria"

A parroquia recupera as súas tradicións con furracas, ruada, fariñada sen glute e unha merenda compartida o luns 3 de marzo.

somoscomarca_entoma_entroido_furracas_fiandoamemoria_2024 (33)

O vindeiro luns, 3 de marzo, a parroquia de Éntoma celebrará o seu tradicional Entroido, unha festividade que foi recuperada grazas ao esforzo das mulleres participantes no obradoiro "Fiando a Memoria", promovido pola Concellería de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade do Concello do Barco de Valdeorras. Este programa, que se desenvolve semanalmente desde o curso que se iniciou en 2022, ten como obxectivo estimular cognitivamente ás persoas adultas maiores e preservar o patrimonio cultural inmaterial da contorna.

 

As actividades darán comezo ás 16:30 horas cun encontro da veciñanza, seguido dunha ruada na que desfilarán as tradicionais furracas e outros personaxes típicos do Entroido de Éntoma. As furracas, figuras únicas en Valdeorras, caracterízanse por ir cubertas de cinza, betume, follas de laranxeira, mimosas e outros elementos naturais.

Ademais, está prevista unha fariñada sen glute e unha merenda compartida, fomentando así a inclusión de persoas con intolerancias alimentarias e reforzando os lazos comunitarios. Esta celebración representa un esforzo significativo por parte das mulleres de Éntoma para revitalizar e manter vivas as tradicións culturais da súa parroquia, que estiveron esquecidas durante case 35 anos.

A participación e implicación da comunidade local son fundamentais para o éxito desta festividade, que busca preservar e transmitir ás novas xeracións as expresións culturais propias de Éntoma.

O Entroido de Éntoma volve con forza da man de "Fiando a Memoria"