
A Rúa xa ten todo listo para a celebración do Entroido 2025, unha das festas máis esperadas do ano. Durante tres días, a localidade ourensá encherase de música, gastronomía e desfiles que farán as delicias de veciños e visitantes. A programación inclúe actividades para todos os públicos, con especial atención á tradición e á diversión.
Un inicio dedicado aos máis pequenos
A programación arrancará o sábado, 1 de marzo, cunha xornada pensada para o público infantil. A partir das 17:00 horas, a Casa da Cultura acollerá unha tarde de animación con música, chocolatada e disfraces, nun evento gratuíto pensado para o goce de nenos e familias.
Xa pola noite, ás 20:30 horas, o Auditorio da Estación de Autobuses será o escenario do concerto de Broken Peach, que presentará o seu espectáculo Entroido en colaboración con AGADIC. A actuación promete un espectáculo vibrante, combinando música e posta en escena.
Martes de xantar e desfile de comparsas
O martes, 4 de marzo, será o día grande no ámbito gastronómico. Ás 14:00 horas, na carpa da estación de autobuses, celebrarase o tradicional xantar popular, no que os asistentes poderán degustar un completo menú de Entroido composto por cocido, sopa, bica, viño, café e licores. As entradas teñen un prezo de 25 euros e poden adquirirse a partir do luns 10 de febreiro.
Xa pola tarde, ás 17:00 horas, terá lugar un dos momentos máis esperados das festas: o desfile de comparsas e folións. O percorrido partirá do Campo Grande e concluirá na Praza da Estación, enchendo as rúas de cor, música e imaxinación. A inscrición para participar no desfile está aberta ata o luns 3 de marzo na Casa do Concello e na páxina web www.arua.gal.
O Enterro da Sardiña porá o broche final
O mércores, 5 de marzo, o Entroido despedirase cunha das súas tradicións máis simbólicas: o Enterro da Sardiña. O velorio terá lugar no Atrio de Santo Estevo, seguido da procesión fúnebre ata a Praza César Conti, onde a sardiña recibirá a súa particular despedida nun ambiente festivo. A actividade está organizada en colaboración coa A.C. A Ruada.