viernes. 19.04.2024

O pobo de Placín, no concello de Manzaneda ten unha tradición de Entroido que vén de moitísimos anos atrás. As persoas das aldeas van desaparecendo, pero iso non é un inconveniente para que se prosiga con ela. Así, nesta mañá de sábado, 11 de febreiro, celebrábase a Fuliada da Mourela pra Acá, con «permiso», ronda de fulión, e fariñada incluídos.

somoscomarca_manzaneda_placin_entroido_mourelapraaca_2023 (24)

Este «fulión» componse por integrantes dos pobos que se sitúan dende a ponte da Mourela (ao saír de Manzaneda) cara o lado de Placín. De aí o nome. «Cada ano somos menos xente e por iso temos que xuntarnos», explica Iván Luis Sánchez, mázcara de Vilarmeao (Viana do Bolo), «vivímolo dende que nacemos, os nenos xa se van vestindo».

somoscomarca_manzaneda_placin_entroido_mourelapraaca_2023 (33)
Iván Luís na carpa onde se leron os versos

Conversa en Vídeo con Iván Luís Sánchez

O «permiso»: tradición para poder pasar a tocar o folión polo pobo veciño

Nestes pobos existe a tradición das «visitas», as cales consisten en que o folión dun lugar visita á aldea veciña. «Antigamente cada pobo tiña un pobo compañeiro, a nós (Vilarmeao) visítanos Raigada unha noite antes do Domingo Gordo, e viceversa», explica Sánchez, «iso é o mellor, porque se coñece todo o mundo».

somoscomarca_manzaneda_placin_entroido_mourelapraaca_2023 (27)
Os máis novos non deixaron de bailar durante toda a ronda por Placín

Porén, para poder pasar polo pobo necesítase o que se chama «o permiso». Isto consiste en que, en forma de verso, «fálase cos veciños de cousas que pasan, antigamente metíanse algo máis», explica Iván Luis, pero agora «fálase un pouco de salsa rosa, da política, do día a día...».

somoscomarca_manzaneda_placin_entroido_mourelapraaca_2023 (18)
As cornas deixáronse ouvir durante todo o percorrido

Despois deste momento de «pique», xeralmente dáse o permiso e ao acabar celébrase unha comida en comunidade. «O sentimento é isto, é o bonito, e é unha tradición que é só nosa, non é de ninguén máis», recoñece emocionado esta mázcara.

somoscomarca_manzaneda_placin_entroido_mourelapraaca_2023 (3)
Desde ven pequenos xa no fulión, lévano no sangue

Esta tradición ancestral tamén é unha forma de recordar aos que xa non están, ás persoas que no seu día formaron parte dela. No caso de Iván Luis Sánchez, recorda ao seu pai, xa que «vivíao moito». E é que a tradición hai moitas formas de vivila, pero sobre todo de entendela.

Placín (Manzaneda) celebra a súa Fuliada da Mourela pra Acá