
O Entroido é sinónimo de tradición, alegría e identidade en Viana do Bolo, e o Fulión Femenino dará o pistoletazo de saída a esta celebración máxica. Este ano, a cita será o 15 de febreiro, un día reservado para as mulleres, que fan do fulión unha festa única e especial.
A xornada arrincará ás 12:00 no Campo da Feira, no Toural, onde as participantes, acompañadas das súas boteiras e bombos, percorrerán as rúas de Viana até chegar á praza. «É un día grande, un día noso. Cada unha vai pensando como polo tutú e como vivir esta festa que é tan especial para todas», conta Jessica Granja, unha das impulsoras.
Tras o tradicional vermú, chegará o momento do cocido. «Xa abrimos o prazo para participar na comida. Poden falar connosco nas redes sociais ou no Facebook do Fulión Femenino. Teñen até o día 1 de febreiro para anotarse», explica Jessica. O xantar, previsto para as 15:00, dará paso a unha tarde de música e percorridos por toda a vila. «Ás 17:00 volvemos saír e damos unha ronda por Viana, e cada vez se van sumando máis mulleres. Hai casas que nos sacan de comer e de beber. É unha festa total», engade.
O Fulión Femenino, que reúne entre 140 e 150 mulleres cada ano, ten a súa orixe no ano 2016, cando un pequeno grupo decidiu crear un espazo propio dentro do Entroido. «Comezamos sete mulleres, tocando no Fulión Alternativo. Aquel día eles foron a outro pobo, e nós decidimos quedar en Viana. Subimos até o castelo e aí empezou todo», recorda Jessica. Desde entón, visitar ese lugar emblemático converteuse nun momento indispensable desta celebración.
A tradición do fulión é o corazón do Entroido en Viana do Bolo, unha expresión única onde o son dos bombos e as máscaras enchen as rúas de cor e vida. O Fulión Femenino é especial porque só sae un día ao ano, adaptándose ao calendario do Domingo Gordo. «Este día todas estamos unidas. É unha celebración moi nosa, pero tamén formamos parte de algo máis grande, porque o Domingo Gordo cada unha toca co fulión do seu pobo, e iso tamén é un orgullo enorme», explica Jessica.
O Entroido en Viana non é só festa, é unha tradición que perdura, une e reflicte o espírito dun municipio apaixonado polas súas raíces. O Fulión Femenino é unha mostra perfecta de como esta herdanza cultural segue viva e evoluciona con forza,