lunes. 17.08.2026

Viana do Bolo amosa nas redes unha batería de actuacións nas últimas dúas semanas

O Concello foi dando a coñecer obras xa rematadas, melloras en espazos públicos e instalacións deportivas e proxectos que aínda están en tramitación ou pendentes de executar
somoscomarca_20260060120703_viana_aparcamientos3772

A poucas horas de que Viana do Bolo celebre o pleno extraordinario para a elección da nova alcaldía, previsto para este martes 18 de agosto ás 11.30 horas, o Concello vianés chega a esta cita despois de dúas semanas nas que as súas redes sociais serviron de escaparate para numerosas actuacións desenvolvidas ou proxectadas no municipio.

Durante estes últimos quince días, tanto o alcalde dimitido, Germán García-Ávila, como o actual alcalde en funcións, Isaac Pérez, foron presentando en distintos vídeos obras xa executadas, outras en marcha e proxectos que se atopan aínda en diferentes fases administrativas.

O resultado deixa unha fotografía bastante ampla das intervencións realizadas en ámbitos moi diferentes: desde instalacións deportivas e zonas de lecer ata servizos básicos nas aldeas, accesibilidade, seguridade, acondicionamento de espazos públicos ou proxectos de maior envergadura.

Un albergue municipal con vocación de medrar

Entre os proxectos de maior alcance difundidos nestes días está a primeira fase do futuro albergue municipal, que se atopa en licitación e que se proxecta nun antigo inmoble.

A previsión inicial é crear 25 prazas, aínda que a intención expresada desde o Concello é continuar executando novas fases nos próximos anos ata poder alcanzar as 100 prazas. O obxectivo é reforzar a capacidade de aloxamento de Viana en momentos de elevada demanda, especialmente durante celebracións como o Entroido ou determinadas datas do verán.

Tamén se deu conta dun proxecto de mellora na entrada á zona das instalacións municipais e do campo de fútbol, unha actuación xa licitada e pendente de adxudicación que se executará en dúas partes. Segundo a información difundida, a parte máis importante debería estar realizada antes de novembro.

Recuperar espazos e facer máis accesible a vila

Outras intervencións son máis pequenas en dimensión, pero inciden directamente no día a día. Nun dos espazos nos que existía unha casa derrubada e abundante vexetación, eliminouse esta última e aproveitouse o oco resultante para recolocar os colectores que estaban na praza, liberando así o espazo público e eliminando tamén un posible risco ante os incendios.

Na piscina municipal, pola súa banda, instalouse no vaso grande unha nova escaleira pensada especialmente para facilitar o acceso ás persoas maiores ou con maiores dificultades de mobilidade. Trátase, segundo explicaron desde o Concello, dunha demanda trasladada durante anos polos propios usuarios das instalacións.

somoscomarca_viana_obras3531

Tamén se renovaron elementos do mobiliario dunha das prazas, substituíndo xardineiras deterioradas por outras novas que permiten ademais utilizalas como bancos. A actuación completouse coa plantación dunha acacia como lembranza da antiga imaxe de Viana, cando estas árbores tiñan unha maior presenza na praza.

Nova imaxe para a ponte e melloras no Paseo do Sarito

Outra das actuacións difundidas foi a pintura da ponte de Viana, unha intervención que o Concello asegura que levaba décadas sen realizarse e que fora reclamada ante as administracións competentes polo deterioro que presentaba este acceso á vila.

somoscomarca_viana_obras3534

No miradoiro do Paseo do Sarito, un dos espazos con vistas ao encoro máis frecuentados da vila, os traballos centráronse tanto na seguridade como na comodidade. Instalouse un valado de madeira, renováronse os bancos e actuouse sobre o firme para eliminar fochancas nunha zona pola que pasan diariamente peóns e vehículos.

somoscomarca_viana_obras3525

Son intervencións de menor dimensión económica que outras grandes obras, pero que buscan mellorar espazos de uso cotián e zonas especialmente vinculadas á paisaxe e ao paseo.

As aldeas, tamén nas actuacións das últimas semanas

A relación de traballos difundidos polo Concello esténdese ao rural vianés. Nas últimas semanas realizouse o baleirado das fosas sépticas de máis dunha ducia de aldeas, atendendo as peticións trasladadas polos veciños.

somoscomarca_viana_obras3532

Segundo explicou o Concello, nalgúns casos as fosas non foran baleiradas nunca e noutras levaban anos sen recibir este servizo. Non en todos os lugares puido completarse a intervención debido ás dificultades para acceder coa maquinaria necesaria, polo que o goberno municipal sinalou que se buscarán alternativas para estes casos.

O deporte, un dos grandes protagonistas

Boa parte das actuacións presentadas nestes días están relacionadas co deporte e o lecer. Unha das máis visibles foi a reforma do campo de fútbol das Carrelas, onde se instalou novo céspede artificial. A inauguración coincidiu coa clausura do campus do Atlético de Madrid celebrado en Viana, permitindo estrear unhas instalacións renovadas para a práctica deportiva.

A petanca conta tamén desde hai poucos días cun novo espazo. No antigo recinto do campo da feira habilitáronse tres pistas cubertas, aproveitando unha zona na que anteriormente existían unhas instalacións en desuso. O novo club creado arredor deste deporte arrancou xa con arredor de 70 membros e estreou as pistas cun torneo que reuniu a participantes chegados de diferentes puntos da contorna.

A isto súmase unha nova pista de pádel, construída aproveitando unha das dúas pistas de tenis existentes. Segundo o anunciado polo Concello, queda pendente a súa cubrición, prevista para finais de setembro ou comezos de outubro. No mesmo complexo habilitouse ademais unha zona multideportiva destinada especialmente á rapazada.

Novos xogos no Toural e melloras no Campiño

Os máis pequenos tamén aparecen entre os destinatarios das intervencións difundidas. O parque infantil do Toural incorporou unha nova estrutura multixogo con dous tobogáns, túnel de paso, rocódromo infantil, rede de trepa e diferentes paneis de xogos, ampliando así as posibilidades dunha das zonas de lecer da vila.

somoscomarca_viana_obras3527
somoscomarca_viana_obras3527

No Campiño actuouse para facer máis cómodo un espazo moi utilizado por nenos e familias. Instalouse unha pérgola para proporcionar sombra, colocouse unha fonte e acondicionouse a contorna para evitar a entrada de maleza e terra cara á zona de xogo.

somoscomarca_viana_obras3528

Un novo paseo arredor da piscina e melloras na Ribeira

Outra das transformacións presentadas afecta á contorna da piscina municipal. Un antigo paso empregado basicamente para a saída de vehículos foi acondicionado como paseo, buscando reducir a perigosidade e integrar mellor esta zona co resto do complexo.

Os traballos alcanzaron tamén a zona do club náutico, onde se acondicionou o espazo e se construíu unha baixada de formigón para facilitar o acceso das embarcacións á auga.

Na zona da Ribeira, na estrada que comunica Viana do Bolo con Cova, executouse outra actuación nun tramo moi utilizado para pasear e no que a estreiteza dificultaba tamén o cruzamento dos vehículos. Os traballos incluíron formigonado e a instalación de catro reixas para a evacuación da auga, co obxectivo de mellorar tanto a seguridade como a conservación da vía.

Reforma dos camiños do cemiterio municipal

Entre as últimas actuacións mostradas figura igualmente o cemiterio municipal, onde se formigonaron os camiños interiores e se instalaron tres fontes distribuídas en diferentes puntos para facilitar o acceso á auga.

A intervención pretende mellorar especialmente as condicións de acceso durante o inverno e evitar os problemas que xeraban anteriormente a herba e o estado dos camiños. Desde o Concello presentouse tamén a actuación como unha forma de coidar un espazo ligado á memoria das persoas que descansan nel.

Dúas semanas de obras, proxectos e actuacións antes do pleno

Todo este percorrido non constitúe un balance completo da acción municipal nin dun mandato. É, simplemente, a fotografía das obras e proxectos que o propio Concello de Viana do Bolo decidiu mostrar a través das súas redes sociais durante estas últimas semanas, cunha mestura de actuacións xa rematadas, traballos en execución e proxectos que aínda deberán continuar a súa tramitación.

Unha intensa actividade de comunicación municipal que precede a unha xornada importante para o Concello. Este 18 de agosto, ás 11.30 horas, o Salón de Plenos acollerá a sesión extraordinaria cun único punto na orde do día: a elección da Alcaldía de Viana do Bolo

Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado

Viana do Bolo amosa nas redes unha batería de actuacións nas últimas dúas semanas