sábado. 08.08.2026

As Carrelas estrea unha nova etapa co seu renovado campo de céspede artificial

Viana do Bolo inaugurou a remodelación das instalacións coincidindo coa clausura do Campus do Atlético de Madrid, nunha xornada que reuniu a deportistas, familias, autoridades e afeccionados

O fútbol viviu este sábado unha xornada histórica en Viana do Bolo coa inauguración oficial do renovado campo das Carrelas, unha instalación que estrea céspede artificial e diversas melloras pensadas para impulsar a práctica deportiva no municipio. O acto coincidiu coa clausura do Campus do Atlético de Madrid, converténdose nunha auténtica festa do deporte base na que participaron decenas de rapaces e rapazas, as súas familias e numerosos veciños.

A inauguración contou coa presenza do alcalde de Viana do Bolo, Germán García-Ávila; o presidente do Club Deportivo Viana, Isaac Pérez; o deputado provincial José María Lago; representantes da Deputación de Ourense, da Federación Galega de Fútbol, da empresa construtora e do equipo técnico responsable da obra, ademais dos adestradores e coordinadores do Campus do Atlético de Madrid.

somoscomarca_vianadobolo_ascarrelas_inauguracion (1)

Durante a súa intervención, o presidente do Club Deportivo Viana, Isaac Pérez, lembrou o longo camiño percorrido ata facer realidade esta infraestrutura. Explicou que hai once anos o club apenas contaba cun equipo e unhas instalacións moi deterioradas e que, nove anos despois de comezar a soñar cun campo de céspede artificial, ese proxecto converteuse finalmente nunha realidade grazas ao esforzo conxunto do club, o Concello e a Deputación. Tamén quixo agradecer expresamente o traballo da empresa que executou as obras polas melloras incorporadas durante a actuación.

Pola súa banda, o alcalde, Germán García-Ávila, destacou que a renovación do campo permitirá mellorar as condicións para a práctica do fútbol nun municipio onde a climatoloxía dificultaba o mantemento da herba natural durante boa parte do ano. Subliñou que a nova instalación abre a porta a consolidar máis categorías de base e cualificou de privilexio" que a súa inauguración coincidise coa clausura dun campus como o do Atlético de Madrid.

O deputado provincial José María Lago lembrou que esta actuación forma parte dun plan da Deputación para modernizar once campos de fútbol da provincia, coa finalidade de crear unha rede de instalacións deportivas que favorezan o desenvolvemento das escolas e das competicións en mellores condicións. Destacou ademais a importancia de apostar por Viana do Bolo como referente deportivo da comarca e expresou o seu desexo de que o club recupere o protagonismo que tivo noutras etapas.

Clausura do Campus do Atlético de Madrid

A inauguración serviu tamén como broche final ao Campus do Atlético de Madrid, celebrado durante a última semana nas novas instalacións. Antes da entrega de diplomas, a organización destacou que máis aló dos adestramentos e dos partidos, os participantes compartiron unha experiencia baseada nos valores do deporte, a convivencia, o esforzo e o compañeirismo, agradecendo a implicación do Concello, das familias, dos patrocinadores e do equipo técnico.

somoscomarca_vianadobolo_ascarrelas_inauguracion (21)

Durante o acto presentouse un por un a todo o equipo de adestradores, coordinadores e técnicos que fixeron posible o campus, entre eles representantes da Academia do Atlético de Madrid, e realizouse unha emotiva homenaxe ao pequeno Martín Faria, ausente tras sufrir recentemente un grave accidente de tráfico, ao que todo o público dedicou unha longa ovación desexándolle unha pronta recuperación.

somoscomarca_vianadobolo_ascarrelas_inauguracion (12)

Tras as intervencións chegou un dos momentos máis agardados polos participantes do campus. Os rapaces e rapazas foron recibindo un a un unha bolsa con distintos recordos da súa experiencia en Viana do Bolo —entre eles o cartel oficial do campus, os resultados das actividades e varios agasallos— da man das persoas que fixeron posible esta edición. Na entrega participaron o promotor do campus, Alberto Fernández; os adestradores Óscar Vidal, Juanjo Carballo, Luis Barreiro, Daniel Berisa (entrenador Atlético de Madrid), Alexander Arroyado, Ramón Luceiro, Marcos Prieto e Álvaro Antúnez; o coordinador do Atlético de Madrid, Nico Acebéi; o alcalde de Viana do Bolo, Germán García-Ávila; o presidente do CD Viana, Isaac Pérez; o delegado da Real Federación Galega de Fútbol en Ourense, Raúl Rois; o deputado provincial José María Lago; o asesor de Deportes da Deputación, Quique Álvarez; o arquitecto da actuación, Manuel Vidal; o responsable da empresa Explotacións Medioambientais, Luis Fernández; e a condutora do acto, Susana Herbella, directora de Pinchacarneira Ocio Educación.

somoscomarca_vianadobolo_ascarrelas_inauguracion (14)

A xornada rematou coa tradicional fotografía de familia sobre o novo céspede das Carrelas e cunha merenda de convivencia, poñendo o broche final a unha inauguración que marcou o inicio dunha nova etapa para o fútbol en Viana do Bolo e ao peche dunha semana inesquecible para os participantes do Campus do Atlético de Madrid.

Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado

As Carrelas estrea unha nova etapa co seu renovado campo de céspede artificial