miércoles. 05.08.2026

«O fin é xuntarnos»: Rubiá estrea a súa primeira ruta de adegas

A iniciativa reunirá o 15 de agosto a veciños e visitantes nun percorrido con 11 postos, viño, gastronomía e música
somoscomarca_jose_luis_rubia

Ás veces as mellores ideas nacen dunha conversa sinxela. Outras, de mirar un pobo con outros ollos. Iso foi o que lles aconteceu a José e Luís Rodríguez, dous irmáns que levan tres anos á fronte das piscinas municipais de Rubiá e que este verán decidiron dar un paso máis, crear unha Ruta de Adegas que converta o 15 de agosto nunha cita para reunirse, brindar e facer comunidade.

«Queriamos facer algo distinto para o pobo», explica Luís Rodríguez. A idea xurdiu ao decatarse de que as rúas que comunican o centro da vila coas piscinas ofrecían o escenario perfecto para un percorrido entre viño, petiscos e música.

O que comezou como unha proposta acabou converténdose nun proxecto colectivo. «Falámolo cos veciños e a resposta foi mellor imposible», asegura. Un apoio que se estendeu tamén aos empresarios da zona e ao Concello de Rubiá, que se implicaron desde o primeiro momento para facer realidade esta primeira edición.

Once adegas e  mais de medio milleiro de persoas

A ruta contará con 11 postos, atendidos polos propios veciños, onde non faltarán os viños de adegas da comarca nin os petiscos preparados para a ocasión. «Temolo claro: bo viño, boa comida e rematar cunha boa festa», resume Jose.

A gastronomía terá un papel destacado cunha paella xigante, mentres que o remate da xornada trasladarase ás piscinas municipais, onde o DJ O Carallán, coñecido polas sesións do Escándalo, será o encargado de poñer música á festa.

Para esta primeira edición puxéronse á venda 600 entradas, unha cifra que podería quedar curta á vista da resposta obtida. «Levamos só uns días vendendo e xa superamos as 300 entradas», explica, sorprendido pola acollida que está a ter a iniciativa.

Máis que unha festa

José e Luís insisten en que o verdadeiro obxectivo vai moito máis alá da celebración. «O fin é xuntarse e unir o pobo. Que veña xente de fóra está moi ben, pero o máis importante é que nos xuntemos nós», afirman.

Por iso, a organización implicou desde o primeiro momento aos propios veciños, que serán os encargados de atender os diferentes postos repartidos polo percorrido.

A ruta tamén busca reivindicar unha forma de entender o viño propia de Rubiá.«Aquí non hai covas como noutros lugares de Valdeorras; aquí sempre houbo adegas», explica Luís, lembrando que o municipio conta cunha longa tradición vitivinícola e con tres adegas adscritas á Denominación de Orixe Valdeorras.

Moitos dos espazos que participarán na ruta son antigas adegas ou baixos rehabilitados para a ocasión, recuperando construcións tradicionais que durante anos permaneceron pechadas.

Unha festa con vocación de futuro

Os organizadores non esconden que esta primeira edición é tamén unha proba. «Oxalá esta festa quede no pobo, igual que aconteceu noutros lugares da comarca», asegura Jose, convencido de que iniciativas deste tipo contribúen a dinamizar o rural e a fortalecer os vínculos entre os veciños.

Porque, por riba do viño, da música ou da gastronomía, o que José e Luís buscan é algo moito máis sinxelo.«Darlle un pouco máis de vida a Rubiá».

As entradas poden adquirirse no bar Dulce y Salado, no Barco; no Estanco de Rubiá, na Tenda de Trastos e nas Piscinas Municipais de Rubiá.

«O fin é xuntarnos»: Rubiá estrea a súa primeira ruta de adegas