A petanca atopou un novo punto de encontro en Viana do Bolo. A localidade estreou este sábado tres novas pistas cun primeiro torneo que reuniu 30 dupletas, 60 xogadores e numeroso público ao longo dunha xornada que serviu tamén como posta de longo do novo club local, que xa conta con arredor de 70 socios.
As instalacións foron habilitadas no espazo onde antigamente se atopaba o Mercado do Gando e a súa estrea deixou claro que había ganas de petanca en Viana.
Segundo explica Noelia, membro da directiva, a iniciativa naceu de algo tan sinxelo como «unha pandilla de amigos que decidimos formar este club». A resposta, porén, foi moito maior do que posiblemente imaxinaban nun primeiro momento: «Xa ten 70 membros».
A afección pola petanca non é nova na contorna. Noelia explica que en diferentes localidades da zona hai persoas procedentes de Francia e doutros lugares onde este deporte conta cunha importante tradición, o que contribuíu tamén a crear unha base de xogadores.
Trinta parellas para estrear as pistas
Para inaugurar as novas instalacións organizouse un torneo no que participaron 30 dupletas, con xogadores chegados de Viana do Bolo e de diferentes puntos como Petín, Vilamartín, Vilariño de Conso ou A Gudiña, entre outros.
Durante a mañá, cada equipo disputou catro partidas antes de facer un descanso para compartir unha comida. Pola tarde chegaron as eliminatorias, novamente con numeroso público seguindo o desenvolvemento da competición. «Foi moi boa a acollida, tanto por público que coñecía o deporte como por xente que non o coñecía», explica Noelia.
Pero se algo destacou nesta primeira experiencia foi a mestura de xeracións arredor das pistas. «Xuntamos xente nova e xente maior. Foi unha convivencia moi boa, con moita colaboración dos veciños. Estamos moi contentos e con ganas de continuar», sinala.
A organización calcula que arredor dun cento de persoas se reuniron durante a mañá entre participantes e público para acompañar a estrea das instalacións.
Unha final decidida por un punto
A emoción mantívose ata a última partida. Dúas dupletas vinculadas a Petín conseguiron chegar á final, que terminou cun axustadísimo 13-12.
A vitoria foi para a parella formada por Estanis e Amancio, mentres que Gelo e Juan, este último da Rúa, quedaron en segunda posición nunha final que se decidiu por tan só un punto.
Máis alá dos resultados, a xornada deixou algo máis importante para o futuro deste deporte en Viana: tres pistas novas, un club que comeza a súa andaina con 70 integrantes e unha afección capaz de reunir persoas de diferentes idades e localidades da contorna.
A primeira partida xa está xogada. Agora, en Viana, hai ganas de que a petanca continúe medrando.
