Os veciños da Rúa velaron á sardiña no adro da igrexa de Santo Estevo da Rúa. Foron moitos veciños os que se achegaron a presentar as condolencias, entre eles o alcalde da Rúa, Álvaro Fernández.
As choronas non pararon de alaiar e resaltar a bondade da que alí estaba xa sen vida, por contra o señor cura non paraba de dicir que todo o que lle pasara «estache ben por tragona».

Os berros e choros ían a menos cada vez que as mulleres enlutadas pasaban por diante dos presentes coa bandexa cos doces.

Cantos e troula para despedir o entroido e moita xente a pesar da chuvia fría que comezou a caer. «Ou Entroido xa morreu e ímolo soterrar, sete ducias de rueses un crego e un sancristán», cantaron os asistentes que, á súa vez, foron asperxidos pola auga «bendita» que lanzou o sacerdote e arroupados polas palabras de consolo expresadas por este.

Coa sardiña ao lombo, a comitiva, encabezada polo cura e o sancristán, percorreu as rúas do casco antigo ata chegar á Praza César Conti. Neste percorrido, cantaron as ladaíñas do Entroido e realizáronse paradas intermitentes para expresar a dor e o queixume pola perda da sardiña.

Ao chegar á praza César Conti, a cerimonia do adeus viviu outro dos momentos máis esperadas. Os «mecos» —a comadre e o compadre—, que durante os días de Entroido luciron suspendidos sobre o farol deste espazo público, descenderon para ser lanzados e queimados na fogueira xunto á sardiña. «Adeus Entroido Larpeiro, comedor e barrigán, morriches dunha boa enchenta, todos che imos lembrar», rezou a ladaíña.

Despois da queima, bocadillo de sardiñas e bo ambiente, protagonizaron a noite máxica que despediu o Entroido.