domingo. 14.06.2026

Antonio Nogueira «Chapi»: «A Auga case chegaba pola cintura cando fomos desatacar a arqueta»

A forte tormenta da tarde do sábado provocou un novo episodio de inundacións nun punto que xa sufrira danos o pasado 26 de abril

A forte tormenta rexistrada na tarde do sábado volveu poñer en evidencia os problemas do Regueiro dos Fornos ao seu paso por Fontei. O curso de auga, canalizado desde hai anos, acabou recuperando o seu antigo percorrido tras producirse un colapso na canalización, provocando a inundación de dúas vivendas que xa se viran afectadas nun episodio similar o pasado 26 de abril.

somoscomarca_fontei desbordamiento_regatodosfornos
Ao fondo pode verse a maquina usada onte para limpar a lama

O incidente produciuse mentres o barrio celebraba as festas de San Antonio, unha cita moi concorrida do calendario festivo da Rúa. A intensa chuvia fixo que a auga se acumulase na canalización ata formar unha gran bolsa que, ao liberarse de forma repentina, baixou con enorme forza cara ás zonas habitadas.

somoscomarca_robledodedomiz_puebloapueblo1671
Hoxe aínda se podían ver o resto de lama que deixou a tormeta

Antonio Nogueira Fernández, coñecido por todos como «Chapi», foi unha das persoas que viviu o episodio en primeira persoa. Segundo relata, ao comprobar que a auga comezaba a embalsarse decidiu abrir varias arquetas e retirar pedras e restos acumulados na parte superior do regato para facilitar a entrada da auga nos tubos.

somoscomarca_robledodedomiz_puebloapueblo1666
Chapi sinalando o sumidoiro que quedou atascado

«Parecía que estaba desaugando ben, pero de repente empezou a subir a auga como se rebentase unha presa debaixo da autovía», explica. Nese momento atopábase acompañado polo seu xenro e outro veciño. «Tivemos que saír correndo coa auga detrás nosa. Se tardamos vinte metros máis, collíanos», relata.

somoscomarca_robledodedomiz_puebloapueblo1672

A avenida de auga arrastrou paus, barro e pedras, volvendo afectar ás hortas e baixos das vivendas situadas na zona máis próxima ao antigo couce natural do regato.

«Inundouse outra vez o meu baixo e con moita máis forza ca na anterior ocasión», asegura Chapi, quen lamenta tamén a perda das patacas que xa foran danadas durante a inundación de abril.

somoscomarca_robledodedomiz_puebloapueblo1673
As patacas quedaron anegadas

Os veciños apuntan a que a acumulación de lodos e sedimentos na parte alta da canle está reducindo a capacidade de evacuación da auga. Segundo explican, algunhas zonas quedaron practicamente á mesma altura que os arrastres de terra acumulados nos últimos meses, favorecendo a formación de tapóns cando se producen episodios de choiva intensa.

A situación obrigou de novo a realizar labores de limpeza de urxencia nas arquetas e puntos de drenaxe para evitar que a auga continuase acumulándose.

Mentres tanto, os afectados reclaman unha solución definitiva para evitar que o Regueiro dos Fornos siga converténdose nun problema cada vez que se rexistran tormentas intensas, especialmente nun punto onde a auga xa demostrou en dúas ocasións este ano a súa capacidade para recuperar o antigo percorrido que seguía antes da súa canalización.

Vídeos cedidos por Antonio Nogueira

Antonio Nogueira «Chapi»: «A Auga case chegaba pola cintura cando fomos desatacar a...