martes. 23.12.2025

Vilamartín de Valdeorras, un 2025 para non esquecer

O incendio de agosto marcou un ano «dramático» nun concello que aínda loita por reconstruírse
somoscomarca_obarco_enriquealvarezbarreiro
Vilamartín de Valdeorras, un 2025 para non esquecer

O ano 2025 quedará gravado na memoria colectiva de Vilamartín de Valdeorras como un dos máis duros da súa historia recente. O incendio forestal declarado no mes de agosto, que arrasou practicamente por completo os núcleos de San Vicente e Cernego e afectou tamén a vivendas do Mazo, Penouta e outras zonas do concello, marcou un antes e un despois tanto a nivel humano como institucional.

Así o recoñeceu o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro, nunha extensa e contundente entrevista concedida a Radio Valdeorras Onda Cero, na que cualificou 2025 como «un ano francamente dramático, o peor que vivín nos meus 14 anos en política».

O rexedor explicou que os días do incendio foron de auténtica desesperación: «Foron tres ou catro días moi complicados de vivir, cunha sensación de impotencia total ao ver que non había medios suficientes para atallar o lume e que os pobos ían arder si ou si». Segundo relatou, o incendio podería terse controlado cando estaba en Larouco ou Petín, pero a falta de decisión e coordinación fixo que acabara chegando a Vilamartín cunha forza imposible de conter.

Álvarez Barreiro foi especialmente crítico coa resposta das administracións: «Os medios estaban desbordados ou non recibían a orde que tiñan que recibir. Houbo momentos nos que estabamos dicindo que o lume estaba enriba do pobo e respondíannos que en Vilamartín non chegara». A esta situación sumouse a caída das comunicacións, deixando veciños e responsables municipais practicamente incomunicados no peor momento da emerxencia.

A pesar da magnitude da traxedia, o alcalde quixo salientar un feito fundamental: «O máis importante é que non se mancou ninguén». Tamén destacou a resposta solidaria da veciñanza, especialmente da xente nova, que se volcou na axuda durante e despois do incendio.

Porén, os problemas non remataron coa extinción das lapas. A destrución das captacións de auga abriu un novo fronte que aínda hoxe segue sen resolverse por completo. «Desde aquel día non quitei as botas», asegurou o alcalde, explicando as dificultades para garantir o subministro de auga potable en núcleos como Arcos, Valdegodos, San Miguel e a propia Vilamartín. O concello realizou investimentos por riba dos 240.000 euros e contou con achegas da Xunta, pero segundo Álvarez Barreiro «non é suficiente; estamos moi lonxe do que debera ser».

Outro punto clave foi a situación de San Vicente, onde o concello se viu obrigado a habilitar pola súa conta un acceso de emerxencia tras anos de abandono da estrada provincial. «Arriscámonos porque estabamos prevendo que podía pasar unha desgraza, e por desgraza pasou», afirmou. Ese acceso permitiu a evacuación durante o incendio e segue a ser unha vía vital en caso de emerxencia.

Tras o lume, Vilamartín recibiu numerosas visitas institucionais, incluíndo representantes da Xunta, do Goberno central e de distintos partidos políticos. Con todo, o balance é agridoce. «Moitos viñeron a facer a foto», lamentou o alcalde, sinalando que, máis alá dos 47.000 euros achegados para a demolición de casas en perigo, non houbo un plan integral nin o envío de equipos técnicos especializados. «O que pedimos é que veñan técnicos, que fagan valoracións serias e digan que hai que facer nunha situación así».

O incendio deixou tamén aberta a necesidade dunha futura fase de desentullo e reconstrución, cun custo moi superior ás axudas recibidas ata agora. «Non podemos permitir que San Vicente e Cernego se convertan en pobos fantasma», advertiu.

A pesar de todo, 2025 tamén deixou algunhas luces: a mellora do Camiño de Inverno ao seu paso polo Bañadoiro, cun investimento de 140.000 euros; o recoñecemento ao doutor Rafael López co premio Ourensanía; o impulso ao Kilómetro Vertical de Vilamartín, con proxección autonómica e estatal; e a continuidade das escavacións arqueolóxicas no Castro de Valencia, que seguen sacando á luz vivendas de hai máis de 1.500 anos.

Mirando xa cara ao 2026, Enrique Álvarez Barreiro fai un chamamento claro: «Pido paciencia aos veciños e veciñas, pero tamén pido ás administracións que deixen de xogar e actúen con sentido común». Para o alcalde, o que está en xogo vai máis alá dun concello: «Se abandonamos o rural, as cidades non terán nin que comer, nin que beber, nin aire que respirar».

Vilamartín pecha así un ano marcado pola dor, a loita e a resistencia, cunha ferida aínda aberta pero coa firme determinación de non renderse e de seguir reclamando un futuro digno para os seus pobos.

Entrevista completa na seguinte ligazón:
 

Vilamartín de Valdeorras, un 2025 para non esquecer