
O alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro, fixo unha radiografía da difícil situación que atravesa o concello tras os graves incendios forestais de agosto, durante unha entrevista concedida a Radio Valdeorras. Á súa vez, sinalou a urxencia de actuacións coordinadas entre todas as administracións para evitar que os núcleos máis afectados se convertan en pobos fantasmas.
Segundo explicou, «temos unha situación moi complicada. Estamos dando visibilidade ao pobo de San Vicente, onde ocorreu a maior parte da desgracia, pero tamén temos o pobo de Cernego, que quedou practicamente ao 20%, outras dúas vivendas no Mazo, cinco covas en Penouta e algún alpendre en Correixais».
Álvarez Barreiro denunciou que, a pesar das numerosas visitas institucionais e políticas, incluíndo representantes da Vicepresidencia do Goberno, consellerías de Medio Rural e Vivenda, «o apoio moral está xenial, pero estámonos quedando coa sensación de vacío, porque é preciso que veñan técnicos a valorar como se vai desescombrar e reconstruír todo isto».
Subliñou a urxencia de acometer o desescombro das vivendas afectadas polos incendios, xa que os veciños seguen accedendo ás casas e corren risco de accidentes graves. Apela a que os organismos competentes realicen unha valoración completa sobre como limpar e reconstruír os núcleos afectados, sinalando que «sen un proxecto global e un convenio entre administracións, que poña cifras enriba da mesa, será imposible planificar o futuro de San Vicente, Cernego e outros pobos afectados». Destacou que, mentres se careza desta planificación, desde o Concello é imposible ofrecer apoio técnico suficiente aos veciños, pese á grande cantidade de informes que xa se están a elaborar diariamente.
No ámbito da vivenda, sete familias en San Vicente xa foron beneficiadas polas axudas, con contías de ata 150.000 euros por vivenda habitual, mais Barreiro alertou de que as segundas residencias non se van poder reconstruír coas axudas asignadas — ata 66.000 euros máis, 5.400 de enxoval—, recalca que «vai quedar un pobo pantasma». Insiste en facer un proxecto de reconstrución do pobo entre todas as administración coa «venia dos veciños».
O alcalde salientou tamén o risco que supoñen as augas e as tormentas nas zonas afectadas: «Temos un problema moi duro porque hai barrios ao carón do río e, se chove moito, as captacións poden quedar inutilizadas. Hai que prever o que vai vir no futuro e atallalo na medida do posible». «É imprescindible un proxecto global que defina todo o que pode pasar nos ríos e captacións, e que estableza que actuacións son precisas para que o que veña —referíndose a auga— nos afecte o menos posible», insistiu.
Insistiu na necesidade de coordinación entre Confederación Hidrográfica, Medio Rural e outras administracións, e destacou o esforzo do Concello, que diariamente elabora informes e xestiona solicitudes dos veciños, a pesar de non ter recursos para asumir a magnitude da catástrofe. «Hai que aproveitar todo o que temos e enviar técnicos ao campo para ver que se pode facer, porque o que se está facendo é insuficiente», engadiu.
Finalmente, Álvarez Barreiro destacou a solidariedade da veciñanza e a importancia de manter viva a memoria dos pobos máis afectados. Deixou clara a urxencia de actuacións integradas e coordinadas para garantir a recuperación dos núcleos rurais tras os devastadores incendios de agosto.