A poucas horas de que Vilamartín abra as portas da súa XXVIII Festa das Covas, Radio Valdeorras Onda Cero reuniu nun programa especial á alcaldesa, Sherezade Núñez; ao representante da Asociación de Coveiros, Vicente Rodríguez Ferrer, e á pregoeira deste ano, Eva Arias, nunha conversa na que quedou claro que a cita vai moito máis alá do viño: é unha celebración do patrimonio, da identidade e do reencontro dos vilamartineses.
Durante o programa, a alcaldesa definiu as covas como «o patrimonio máis valioso que temos» e asegurou que en Vilamartín «quen ten unha cova ten un tesouro». Destacou que cada familia coida estes espazos con especial agarimo e que a festa converteuse nun dos maiores sinais de identidade do municipio.
Núñez tamén puxo en valor o ambiente que se vive cada ano durante a chamada «Pequena», a celebración previa reservada inicialmente para os coveiros e que co paso do tempo acabou converténdose nunha cita moi especial para os veciños e para moitas persoas que regresan ao municipio cada verán. «É como o Nadal, pero en agosto», resumiu a alcaldesa, ao lembrar que son datas nas que moitos vilamartineses que viven fóra volven á súa terra acompañados de familiares e amigos.
Pola súa banda, Vicente Rodríguez Ferrer explicou como esa pequena reunión entre coveiros acabou medrando ata converterse nun acto con pregón, charanga e homenaxes. Tamén reivindicou o papel das mulleres dentro da festa, lembrando que nos últimos anos son elas quen protagonizan o pregón e mesmo impulsaron cambios tan simbólicos como incorporar nomes femininos ás covas que historicamente só se coñecían por nomes masculinos ou alcumes.
Outro dos aspectos máis curiosos da conversa foi precisamente a importancia dos nomes das covas. Rodríguez Ferrer explicou que moitas conservan os alcumes das familias que as habitaron durante xeracións, converténdose nun auténtico patrimonio da memoria popular. A alcaldesa destacou que eses nomes forman parte da historia do municipio e axudan a preservar a identidade de cada recuncho do barrio das covas.
A través do teléfono participou tamén a atleta Eva Arias, pregoeira desta edición, que recoñeceu o orgullo que supón ser a encargada de abrir a festa do seu concello. A deportista adiantou que no seu pregón haberá unha lembranza para os incendios que castigaron Valdeorras o pasado ano, aínda que asegurou que será unha intervención pensada para celebrar a vida, o viño e o patrimonio de Vilamartín. «Na miña casa coñecemos todo o proceso do viño, desde a enxerta ata a cata», explicou, destacando que a Festa das Covas é tamén unha homenaxe a un dos motores económicos da comarca.
Máis música, novos postos de comida e unhas mil entradas dispoñibles
Vicente Rodríguez Ferrer avanzou tamén varias novidades da XXVIII Festa das Covas. A organización manterá abertos desde as 19.00 horas dous puntos de venda de entradas, un na rúa Iryda e outro na rúa Compostela, para aquelas persoas que non as adquirisen previamente por internet. Segundo explicou, quedan arredor de mil entradas dispoñibles, polo que animou ao público a achegarse sen medo a quedar fóra.
A ambientación musical reforzarase este ano coa instalación dun fío musical nas rúas Iryda e Xustino Fernández, que se estenderá cara á zona do Caño. Nos demais tramos do percorrido haberá tres charangas, encargadas de levar a música ata as zonas nas que non chegue a megafonía.
Tamén se ampliará a oferta gastronómica. Ademais dos pinchos e elaboracións servidos no interior das covas, instalaranse dous postos específicos, un de chourizos e outro de orella cocida. Entre as novidades que prepararán os propios coveiros figurará tamén o lacón asado, que se sumará aos produtos habituais da ruta.
O representante dos coveiros lembrou que este ano abrirán 42 covas, distribuídas ao longo dun percorrido duns tres quilómetros. A organización prevé a asistencia de máis de 4.000 persoas, aínda que asegura que o espazo ten capacidade para acoller arredor de 5.000 sen que o itinerario quede masificado. Cada participante contará cun tríptico no que figuran a localización, numeración e nome das covas para facilitar o percorrido.
A programación comeza este venres coa celebración da Pequena, a partir das 20.30 horas no barrio de Cerdeirais. Eva Arias pronunciará o pregón e, a continuación, renderase homenaxe ao coveiro Agustín Fernández Núñez e ao exalcalde e colaborador da festa Enrique Álvarez Barreiro. Despois abrirán cinco covas nas que haberá callos, diferentes variedades de empanada, viño, música e baile.

