domingo. 03.05.2026

A Andaina da Santa Compaña volverá percorrer de noite os montes de Vilamartín

A ruta, de 10,5 quilómetros, sairá de Arnado o 9 de maio ás 21:30 horas e xa conta cunha alta participación
somoscomarca_vilamartin_correxais_uvas_santacompaña  (6)

A segunda edición da Andaina da Santa Compaña celebrarase o vindeiro 9 de maio cun percorrido nocturno de 10,5 quilómetros pola zona sur dos concellos de Vilamartín de Valdeorras e O Barco de Valdeorras. A saída terá lugar ás 21:30 horas desde Arnado, nunha proposta que combina deporte, natureza e misterio.

Durante unha entrevista en Radio Valdeorras Onda Cero, o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro, e o organizador Carlos López Parra explicaron os detalles dunha ruta que busca ofrecer unha experiencia diferente.

«É unha ruta singular, diferente, que queremos que sexa unha experiencia especial para todos os participantes», sinalaba o rexedor, quen destacaba o éxito da primeira edición: «O ano pasado a xente quedou encantada e este ano o único que pedimos é que saia igual».

O percorrido partirá do castelo de Arnado e avanzará cara a Vilanova e Correxais, onde os primeiros participantes xa chegarán de noite. A partir dese punto, a ruta será completamente nocturna, ofrecendo vistas únicas da contorna.

«É espectacular ver a fila de participantes coa luz das linternas. O ano pasado era unha imaxe preciosa», destacaba Álvarez, quen mesmo recomendaba observar a andaina desde puntos elevados para apreciar o seu impacto visual.

A organización tamén puxo en valor o encanto do percorrido, que inclúe zonas de gran atractivo paisaxístico e patrimonial, como o mosteiro de Correxais ou a contorna de A Pincheira. Ademais, non descartan introducir novidades en futuras edicións para enriquecer aínda máis a experiencia. «A idea é ir engadindo encanto á ruta pouco a pouco, incorporando novos puntos de interese e algunha sorpresa», avanzaba o alcalde.

A participación está a ser elevada, superando xa as previsións iniciais. «Temos máis de 200 inscritos e as prazas están practicamente cubertas», indicaba Carlos López «Parra», quen lembraba que moitas persoas agardan ao último momento para anotarse.

Ao remate da andaina, os participantes serán recibidos novamente en Arnado cun ambiente festivo, con comida e música tradicional, nunha xornada que busca combinar deporte e convivencia.

somoscomarca_vilamartin_andaina_santacompaña1682
Saídadesde Arnado o pasado ano. A dereita da imaxe Enrique Álvarez e Jose Parra

A Andaina da Santa Compaña consolídase así como unha das propostas máis orixinais do calendario deportivo comarcal, aproveitando o atractivo das rutas nocturnas e o imaxinario popular galego para ofrecer unha experiencia única.

«De noite é espectacular. As vistas de Vilamartín, A Rúa e O Barco teñen un encanto especial», concluía o alcalde, animando á participación nunha cita que promete volver sorprender.

somoscomarca_vilamartin_andaina_santacompaña1657
Os frontais imprescindibeis para camiñar de noite
Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado

A Andaina da Santa Compaña volverá percorrer de noite os montes de Vilamartín