
O Concello de Vilamartín de Valdeorras continúa a súa aposta decidida pola posta en valor do Camiño de Inverno e pola mellora das infraestruturas no núcleo urbano, especialmente na zona das covas. Así o afirmou o alcalde, Enrique Álvarez Barreiro, quen tamén preside a Asociación de Municipios do Camiño de Inverno.
«Levamos moitos anos traballando para que o paso do Camiño de Inverno por Valdeorras sexa máis atractivo para o peregrino», explicou o rexedor. A intención do goberno local é recuperar tramos naturais do Camiño, evitando o asfalto sempre que sexa posible. Desta maneira, Vilamartín contará con máis de tres quilómetros de percorrido en terra, que permitirán «descansar un pouco as pernas logo de tanto formigón e tanto asfalto».

O novo tramo que se acondicionará vai desde a depuradora, ao carón das piscinas, ata San Miguel. A intervención non só recupera a senda en terra, senón que incluirá a instalación de bordos de lousa para a súa delimitación, pondo así tamén en valor un dos produtos estrela da comarca. «Queremos que o peregrino vexa que a lousa serve para moito máis ca cubertas», indicou.
Outra das iniciativas singulares foi a plantación de 80 árbores froiteiras no trazado anterior do camiño, achegando sombra e froita aos camiñantes. «Non só os peregrinos, tamén os veciños aproveitan esas cereixeiras ou pereiras. Xa estamos pensando en plantar outras 80 árbores máis no futuro», adiantou Álvarez.

Paralelamente, o Concello está acometendo obras de mellora na zona das covas, un dos barrios máis característicos da vila. «Apostamos por humanizar as rúas, cambiando canalizacións e soterrando instalacións para retirar os cables aéreos e conseguir un entorno máis coidado e acorde co seu valor patrimonial», sinalou o alcalde. A rúa Justino Ferrándiz xa foi renovada con preto de 200.000 euros e agora estase traballando na rúa Compostela, que se prevé rematar antes da festa das covas. Ademais, comezou a primeira fase da rehabilitación en San Miguel, cun orzamento que superará os 400.000 euros ao longo de varias fases.
O alcalde tamén fixo fincapé na necesidade de acondicionar os pobos para fixar e recuperar poboación. «Se os pobos están en condicións, a xente vaise quedar e moitos volverán. Estamos vendo como moita xente regresa fuxindo da masificación e das altas temperaturas das cidades», afirmou.
Por último, Enrique Álvarez aproveitou para convidar á veciñanza a asistir á festa das covas de Arcos, destacando o compromiso da veciñanza e o éxito do evento. «É unha festa única, onde cada cova ofrece o mellor aos visitantes. Quedan poucas entradas, así que anímovos a aproveitar a ocasión».