lunes. 18.05.2026

Córgomo volverá brindar nas rúas coa II Ruta das Airas

Celebrarase o 18 de xullo cun percorrido entre viños, gastronomía, música e tradición para reivindicar a vida nos pobos e a cultura vitivinícola de Valdeorras
p_somoscomarca_20250719_vilamartin_corgomo_rutadasairas (23)

Córgomo prepárase para vivir unha noite de verán singular coa celebración da II Ruta das Airas, unha proposta festiva e cultural que converterá as rúas e recunchos da aldea nun gran punto de encontro arredor do viño e a gastronomía.

A cita terá lugar o vindeiro 18 de xullo e nace coa intención de recuperar o espírito das antigas reunións veciñais, enchendo de novo as airas de música, conversa e ambiente festivo.

Detrás da iniciativa atópase un grupo de catro mozos da localidade que decidiron apostar por facer pobo e devolverlle vida ás rúas da aldea. O seu obxectivo é claro: crear un espazo no que veciños, visitantes e amigos poidan compartir cultura e bos momentos arredor dunha das grandes señas de identidade de Valdeorras, o viño.

Ao longo do percorrido instalaranse diferentes postos de madeira nas airas participantes, onde os asistentes poderán degustar viños D.O. Valdeorras, entre eles godellos, mencías e rosados, acompañados de variadas propostas gastronómicas como petiscos, pancetada ou paella popular.

A organización tamén ofrecerá outras opcións de bebida pensadas para todos os públicos, incluíndo refrescos, auga e bebidas populares como sangría, calimocho ou auga de Valencia.

Pero a Ruta das Airas será moito máis que viño e gastronomía. A música terá tamén un papel protagonista durante toda a noite coa presenza de charangas que acompañarán aos asistentes polas diferentes paradas do percorrido, creando un ambiente dinámico e festivo nas rúas do pobo.

A festa continuará despois na praza coa actuación musical e sesión DJ para prolongar a celebración ata ben entrada a madrugada. A organización destaca ademais o apoio de Turismo de Galicia nesta segunda edición, reforzando así o valor cultural, turístico e gastronómico do evento.

Outra das novidades deste ano será a presenza dun stand propio de Galicia Calidade, no que se ofrecerán produtos e bocados da terra para poñer en valor a excelencia gastronómica galega e apoiar os produtores do territorio.

A entrada incluirá o acceso ao percorrido completo polas airas participantes, ademais dunha cunca e un colgante conmemorativo da Ruta das Airas. Os tickets poderán adquirirse por 15 euros nos puntos de venda autorizados —que se anunciarán nas próximas semanas— e tamén en taquilla por 18 euros, sempre que queden entradas dispoñibles. Os nenos de ata 14 anos poderán acceder gratuitamente. O acceso ao evento realizarase unicamente pola Aira dos Bolos, situada na praza do pobo.

Desde a organización habilitaron tamén diferentes canles de información e contacto a través das redes sociais oficiais e do correo electrónico rutadasairas@gmail.com.

A II Ruta das Airas preséntase así como unha celebración pensada para unir xeracións, reivindicar a identidade vitivinícola de Córgomo e demostrar que os pobos pequenos seguen tendo alma, historia e moito futuro.

Córgomo volverá brindar nas rúas coa II Ruta das Airas