A segunda edición da Andaina da Santa Compaña, prevista inicialmente para este sábado 9 de maio, queda finalmente aprazada debido ás previsións meteorolóxicas adversas. A organización decidiu trasladar a cita ao sábado 6 de xuño, priorizando a seguridade dos participantes nunha proba que se desenvolve en horario nocturno e por monte.
Segundo explicaba José Parra, integrante do operativo organizativo, «dan moita choiva para o sábado e, ao ser unha proba nocturna e polo monte, prima a seguridade da xente». Unha decisión que, recoñece, «foi difícil de tomar», especialmente tendo en conta a elevada participación prevista.
A andaina contaba xa con preto de 200 persoas inscritas, confirmando o interese que esperta esta proposta que combina deporte, natureza e misterio. Desde a organización ofrecen agora dúas opcións aos participantes: «os que queiran poden recuperar a contía da inscrición ou seguir inscritos» para a nova data.
Unha proposta nocturna consolidada
A Andaina da Santa Compaña celebrarase finalmente o 6 de xuño cun percorrido nocturno de 10,5 quilómetros pola zona sur dos concellos de Vilamartín de Valdeorras e O Barco de Valdeorras. A saída manterase ás 21:30 horas desde Arnado.
Durante a presentación da actividade en Radio Valdeorras Onda Cero, o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro, e o organizador Carlos López Parra destacaban o carácter singular da ruta. «É unha ruta diferente, unha experiencia especial para todos os participantes», sinalaba o rexedor.

