Con motivo do xoves de comadres, os alumnos do CEIP Bibei de Viana do Bolo retomaron o seu desfile de Entroido polas rúas do municipio. Este ano a temática do centro foi o Camiño de Santiago e os familiares dos pequenos puideron gozar da festividade na rúa principal do concello.
«Hoxe é un día moi especial, é algo que forma parte da nosa identidade, hai moita implicación dos compañeiros e queremos volver á normalidade con estas actividades. O desfile vai virar en torno ao camiño de Santiago, xa que temos un proxecto de centro chamado “Viana no camiño”», destacaba a directora do colexio, Paqui Rodríguez.
Durante o desfile, os pequenos estiveron acompañados polos boteiros —que foron presidindo o traxecto— e polos seus compañeiros do IES Carlos Casares, que desfilaron ata a praza do concello. Ademais, os alumnos gozaron dunha comida típica do Entroido no comedor do centro escolar.
Nacho Lindoso, coordinador de actividades extraescolares, explicaba que o Entroido vense celebrando durante toda a semana. «Os alumnos deben vir con determinados elementos que a coordinadora lles pide».
Os estudantes do primeiro ciclo ían disfrazados da mascota do Xacobeo, mentres que os de segundo ciclo ían de peregrinos e Cabaleiros da Orde de Santiago. Os rapaces do terceiro encargáronse do folión.
“Viana no Camiño”
O proxecto "Viana no Camiño" xurdiu nun primero momento do Departamento da Biblioteca do centro escolar e, posteriormente, foise implicando ás titorías. O programa consiste en realizar 100 quilómetros do Camiño de Santiago.
Os alumnos realizaron unha primeira etapa no primeiro trimestre, outra no segundo e finalizarán o traxecto no terceiro. O Camiño partiu dende Sanabria polo Ruta da Prata ata chegar á Praza do Obradoiro, onde obterán a compostelá.