Dez anos do Camiño de Inverno: de colocar as primeiras frechas a recibir peregrinos de todo o mundo

Asunción Arias repasa desde a nova Oficina do Peregrino de Fontei a evolución dunha ruta que mantén intactos, asegura, os seus principais valores: «É un camiño de autenticidade»

Hai lugares que permiten medir o paso do tempo. A antiga Capela do Santo de Fontei, na Rúa, é un deles. O espazo, recuperado e convertido recentemente en Oficina de Información ao Peregrino do Camiño de Inverno, permite mirar cara atrás e entender ata que punto cambiou esta ruta xacobea.

Asunción Arias na oficina de Información ao Peregrino durante a conversa

Alí conversamos con Asunción Arias, presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Inverno por Valdeorras, coincidindo cun aniversario especialmente significativo: cúmprense dez anos do recoñecemento oficial do Camiño de Inverno como ruta xacobea, incorporado en 2016 á Lei do Patrimonio Cultural de Galicia.

Dez anos poden parecer poucos para un camiño con séculos de historia. Pero son suficientes para comprobar unha transformación que, en Valdeorras, comezou moito antes da oficialización.

Porque antes dos fitos, dos albergues, das oficinas e dos peregrinos chegados de medio mundo, houbo persoas buscando documentación, reconstruíndo o trazado histórico, colocando frechas e intentando convencer de que por aquí tamén se chegaba a Santiago.

Ragar, un nome imprescindible

Ao falar daqueles primeiros pasos, Asunción Arias detense nun nome: Ramón García, Ragar. «Dixo: “señores, eu póñome aquí”», lembra Arias sobre quen foi unha das persoas fundamentais para impulsar o Camiño de Inverno en Valdeorras. Foi porta por porta buscando socios e desenvolvendo, segundo destaca a actual presidenta, «un labor impresionante».

Pero detrás da recuperación había tamén investigación histórica. Arias lembra o traballo desenvolvido arredor da documentación que permitía acreditar o pasado desta vía, citando, entre outros, ao catedrático López Caneda, natural de Rubiá, especialista na Idade Media, e os fondos documentais relacionados co Pazo do Castro. Unha historia na que, considera, «aínda hai moito que investigar».

O punto de partida da recuperación contemporánea sitúao en 1999. A oficialización chegaría moito despois, en 2016. Entre unha data e outra houbo anos de traballo, reivindicación e difusión dunha ruta que debía facerse visible.

De practicamente ningún peregrino a contar os pasos por milleiros

A mellor maneira de entender o cambio probablemente estea nos peregrinos. Asunción Arias calcula que, se se toma como referencia todo o período desde que comezou a recuperación moderna do itinerario, poderían superar os 36.000 os pasos de peregrinos polo Camiño de Inverno. Unha cifra que, advirte, non pode limitarse ás Compostelas expedidas, porque son moitos os camiñantes que realizan a ruta sen solicitar posteriormente este documento.

O movemento continúa aumentando. Neste mesmo agosto, pese ás dificultades ocasionadas polos incendios e sen ter rematado aínda o mes no momento da entrevista, Arias falaba de preto de 300 peregrinos.

Pero para ela hai algo máis importante que os números. «É un camiño de autenticidade». Así define o Camiño de Inverno. Un itinerario no que o peregrino, explica, busca «a espiritualidade», «a soidade» e «a paisaxe», pero tamén algo que considera esencial: o contacto humano e a hospitalidade.

Unha identidade favorecida tamén por un trazado singular, que atravesa as catro provincias galegas e acompaña durante boa parte do percorrido diferentes cursos fluviais.

Un camiño cada vez máis internacional

Outro dos grandes cambios desta década está na procedencia de quen o percorre.Coreanos, italianos, ingleses, estadounidenses, rusos, chineses ou xaponeses aparecen entre as nacionalidades que Asunción Arias foi atopando ao longo dos anos.

Incluso lembra unha peregrina estadounidense vinculada a unha importante asociación do Camiño nos Estados Unidos que percorreu o Camiño de Inverno facendo acuarelas e que lle deixou unha mensaxe que non esqueceu: «Este camiño ten que saír adiante».

A presenza internacional é xa unha das características da ruta. E, para Arias, tamén unha chamada de atención sobre a necesidade de que quen vive no territorio sexa consciente do patrimonio que ten diante.

Das frechas pintadas a unha oficina propia

O décimo aniversario permite tamén facer inventario. Ao principio eran os propios membros da asociación os que saían a colocar e pintar frechas. Hoxe o Camiño de Inverno conta en Valdeorras con sinalización propia, fitos, albergues e, desde hai pouco, coa Oficina do Peregrino na antiga Capela do Santo de Fontei.

A isto súmase outro logro especialmente simbólico: unha credencial propia do Camiño de Inverno, que comeza a distribuírse e pola que, segundo Arias, existe xa unha importante demanda.

Para este ano prepáranse ademais cadernos-guía das diferentes etapas, nos que se incorporarán as árbores emblemáticas de cada provincia, as herbas medicinais e tamén unha referencia aos hospitaleiros e hospitaleiras, outra das figuras que a asociación considera fundamentais para conservar o espírito da ruta.

E xa se mira cara ao próximo Ano Xacobeo. Arias avanza que haberá «unha gran sorpresa», aínda que polo momento prefire non desvelala.

Dez anos despois aínda queda camiño

O balance positivo non impide ver as carencias. A presidenta da asociación considera que agora é necesario avanzar especialmente en seguridade y servizos para o peregrino. Hai etapas longas nas que resulta complicado atopar un lugar onde tomar un café, conseguir auga ou descansar, unha realidade que coñece tamén pola súa propia experiencia percorrendo o itinerario.

Un dos exemplos está entre A Rúa e Quiroga, un tramo dunha enorme riqueza paisaxística e patrimonial, no que se atravesan mesmo antigas explotacións auríferas romanas, pero onde os servizos continúan sendo escasos. A futura apertura dun albergue en Montefurado pode contribuír a mellorar esta situación e ofrecer un novo punto intermedio aos camiñantes.

Son, en definitiva, os novos retos dunha ruta que hai pouco máis de dúas décadas estaba comezando a recuperar o seu lugar no mapa xacobeo.

Un aniversario tamén para dar as grazas

Ao final da conversa, cando toca facer balance, Asunción Arias reparte os agradecementos. Primeiro, aos propios valdeorreses que confiaron nun camiño histórico; despois, ás administracións e autoridades que apostaron por el, ás asociacións que se foron incorporando ao proxecto e aos medios de comunicación que contribuíron á súa difusión.

Pero reserva un recoñecemento especial para os peregrinos, particularmente aqueles estranxeiros que nos primeiros anos mantiveron viva a ruta coa súa presenza constante, antes de que a oficialización de 2016 ampliase definitivamente a súa proxección.

E entre todos os nomes hai un que volve aparecer ao pechar a conversa: Ragar.Dez anos despois do recoñecemento oficial e máis de dúas décadas despois daqueles primeiros pasos, o Camiño de Inverno ten albergues, fitos, unha oficina e unha credencial propia. Por iso Asunción Arias remata dirixíndose simbolicamente a quen tanto traballou por conseguilo: «Ragar, por fin tes esa credencial pola que tanto loitaches. Agora é real».

 

Tu prueba Premium ha finalizado