Este venres 23 de xaneiro estréase en A Rúa o documental “Peregrina de Inverno”, unha historia que combina emoción, compromiso e esforzo colectivo. A protagonista é Asunción Arias, presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Inverno por Valdeorras, unha muller que leva anos traballando pola defensa e visibilización desta ruta xacobea sen poder percorrela.
Durante a entrevista que concedeu a Más de Uno Valdeorras, Asunción explicaba como se sente ao verse como protagonista dun documental que combina o íntimo co colectivo: «A verdade é que foi un antes e un despois na miña vida», recoñeceu Asunción. «É unha experiencia única na vida. Mesmo repetindo o camiño, o primeiro momento cambia moitas cousas».
Ao longo das máis de 260 quilómetros que conectan Ponferrada con Santiago de Compostela, Asunción viviu en primeira persoa os desafíos que sempre promoveu desde a súa labor de visibilización. «O primeiro que me decatei foi da capacidade de autosuperación», comenta. «Houberon moitos retos, momentos nos que non sabiamos como saír das situacións… pero tamén momentos nos que todo cobraba sentido».
O acompañamento do equipo de Discamino, encabezado por Javier Pitillas, foi fundamental. «Sen eles non sería nada», recoñece Asunción. «Tiraban por nós nas subidas, axudábanos nas baixadas… o factor humano é enorme». Mesmo momentos complicados, como noites de frío extremo ou tramos moi técnicos, foron superados grazas á solidariedade e ao traballo en equipo.
A experiencia permitiulle descubrir o Camiño dende unha perspectiva distinta, máis sensorial e conectada coa natureza. «Estou vendo as cousas importantes, o que nos aporta o territorio, os olores, as experiencias, a biodiversidade das comarcas polas que pasamos… todo iso fai que o Camiño sexa único».
Un dos obxectivos desta peregrinación era facer visible que o Camiño de Inverno tamén pode ser accesible para persoas con discapacidade. «Creo que marca un antes e un despois», di Asunción. «O documental mostra que, se se quere, todas as persoas poden facer este camiño. Non hai desculpas».
Ao falar do documental, Asunción subliña tamén a aprendizaxe que proxectos como Discamino transmiten á sociedade: «Aprendemos que os esforzos en cadea, a solidariedade e a humanidade compartida son valores fundamentais. Non só no Camiño, senón na vida».
O documental chega nun momento moi simbólico, o Camiño de Inverno cumpre dez anos da súa oficialización como ruta xacobea e segue gañando recoñecemento a nivel nacional e internacional. Para Asunción, esto representa tamén a reivindicación dunha ruta histórica e pouco coñecida: «É un camiño primixenio, con personalidade propia, sen competencia agresiva, cun gran valor humano e natural. É unha experiencia que merece ser vivida e compartida».
Para quen dubida que o Camiño é accesible, Asunción ten unha mensaxe clara: «Non hai desculpas. O camiño está á disposición de todos. Só hai que atreverse a dar o primeiro paso».
E, despois de cumprir un soño que parecía imposible, a presidenta da Asociación Amigos do Camiño de Inverno por Valdeorras confesa que lle queda moito por camiñar no máis amplo sentido da palabra, sempre coa mesma ilusión e compromiso que a levaron a percorrer finalmente o Camiño de Inverno.
Asunción Arias e o seu Camiño de Inverno xa forman parte da historia xacobea e agora tamén das pantallas, inspirando a quen busca superar retos, valorar a humanidade compartida e descubrir a beleza dunha das rutas máis singulares de Galicia.





