domingo. 10.05.2026

O Camiño de Inverno gaña impulso no décimo aniversario da súa oficialización

Turismo de Galicia e a Asociación de Municipios do Camiño de Inverno estudan novas accións de promoción e mellora desta ruta xacobea con vistas ao Xacobeo 2027

somoscomarca_santiago_turismodegalicia_ribera_merelles_barreiro_monforte (1)

O Camiño de Inverno continúa consolidándose como unha das rutas xacobeas con maior proxección de futuro. Coincidindo co décimo aniversario da súa oficialización, Turismo de Galicia e a Asociación de Municipios do Camiño de Inverno mantiveron unha reunión de traballo para analizar novas accións de promoción, mellora e posta en valor deste itinerario que atravesa comarcas como Valdeorras, Quiroga ou Terra de Lemos.

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, reuniuse recentemente con integrantes da xunta directiva da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno, entre eles Enrique Álvarez, José Luis Rivera e María Ramón, nun encontro no que se puxeron enriba da mesa os retos e oportunidades desta ruta xacobea de cara aos vindeiros anos.

somoscomarca_santiago_turismodegalicia_ribera_merelles_barreiro_monforte (2)
Na mesa de traballo: José Luís Rivera, Xose Merelles, Enrique Álvarez e María Ramón

Durante a reunión analizáronse os actos e iniciativas previstos para conmemorar os dez anos da oficialización do itinerario, así como diferentes propostas destinadas a reforzar o seu atractivo turístico e cultural. Tanto Turismo de Galicia como os representantes da asociación coincidiron na necesidade de seguir avanzando na mellora dos servizos ao peregrino, na seguridade do trazado e na realización de investimentos que permitan consolidar o crecemento desta ruta.

A xuntanza serviu tamén para facer balance das actuacións impulsadas nos últimos anos dentro do Plan Director dos Camiños de Santiago 2027, unha folla de ruta coa que a Xunta busca potenciar especialmente os itinerarios menos transitados e mellorar a experiencia dos peregrinos.

Neste sentido, revisáronse os avances do proxecto de trazado e construción dos doce treitos comúns do Camiño de Inverno, actuacións que afectan aos concellos de Carballeda de Valdeorras, O Barco de Valdeorras, A Rúa, Quiroga, Monforte de Lemos, Chantada, Rodeiro e Lalín.

Estas obras forman parte do plan de mellora da seguridade viaria dos peregrinos nos distintos Camiños de Santiago con vistas ao Xacobeo 2027 e permitirán actuar en máis de 150 quilómetros de rutas xacobeas en Galicia. O obxectivo é afastar aos peregrinos das zonas con maior perigosidade para a circulación e reforzar a seguridade do percorrido mediante un investimento que alcanzará os 40 millóns de euros.

O director de Turismo de Galicia destacou ademais a importancia de seguir promovendo o Camiño de Inverno como unha alternativa con identidade propia dentro do mapa xacobeo galego, apostando pola súa riqueza paisaxística, patrimonial e cultural.

Os datos de peregrinación amosan ademais unha tendencia de crecemento sostido. Durante o ano 2025 realizaron o Camiño de Inverno un total de 2.759 peregrinos, dos cales o 44 % procedían do estranxeiro. España continúa sendo o principal lugar de orixe, seguido de países como Portugal, Italia ou Estados Unidos, confirmando así a crecente proxección internacional desta ruta.

Accións prioritarias da Asociación para impulsar o Camiño de Inverno

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno presentou ante o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, o seu novo catálogo de propostas de actuación para o período 2026-2027, un documento estratéxico co que busca consolidar o Camiño de Inverno como unha ruta xacobea de referencia.

O principal obxectivo desta folla de ruta pasa por reforzar a colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia e avanzar na renovación do convenio de financiamento que permita desenvolver novas accións de promoción, mellora e dinamización do itinerario.

Desde a Asociación consideran fundamental seguir profesionalizando a experiencia do peregrino e incrementar a difusión social e turística do Camiño de Inverno, apostando ademais por un modelo sostible e respectuoso coa vida diaria dos municipios polos que discorre a ruta.

O plan presentado estrutúrase en catro grandes eixes de actuación. O primeiro céntrase na mellora dos servizos aos peregrinos, con actuacións destinadas a reforzar as infraestruturas, a atención e a seguridade ao longo do percorrido.

A segunda liña aposta pola difusión e promoción do Camiño de Inverno mediante campañas de comunicación e accións de mercadotecnia orientadas tanto ao público nacional como internacional.

O terceiro eixo está enfocado na xestión e fortalecemento da rede de colaboradores vinculados á ruta, como albergues, comercios, empresas e entidades locais.

Por último, a cuarta liña contempla o desenvolvemento de novos produtos turísticos ligados ao patrimonio natural, cultural e paisaxístico do territorio, co obxectivo de converter o Camiño nun verdadeiro motor económico e turístico para os municipios polos que pasa.

A Asociación destaca ademais que o Camiño de Inverno conta cun enorme potencial de crecemento e considera clave o apoio institucional da Xunta para seguir avanzando nun modelo de turismo sostible, de calidade e xerador de oportunidades no rural galego.

Desde Turismo de Galicia insisten en que o fortalecemento do Camiño de Inverno non só contribúe á diversificación da oferta xacobea, senón tamén á dinamización económica e turística dos municipios polos que discorre, favorecendo novas oportunidades vinculadas ao turismo sostible e ao desenvolvemento rural.

Tu prueba Premium ha finalizado

O Camiño de Inverno gaña impulso no décimo aniversario da súa oficialización