As explotacións gandeiras que apostan pola conservación das razas autóctonas galegas poderán beneficiarse dunha nova liña de axudas da Xunta dotada con 390.000 euros, destinada a impulsar a recría de exemplares e garantir a continuidade dun patrimonio xenético único en Galicia.
A convocatoria, presentada polo Goberno galego, prevé 350.000 euros para as explotacións de gando bovino e outros 40.000 euros para ovino e caprino, cun máximo de 15.000 euros por explotación.
Trátase dunhas achegas que poden resultar de especial interese para comarcas como Valdeorras, Terras de Trives, Viana do Bolo, Vilariño de Conso ou Quiroga, onde a gandaría extensiva e a cría de razas autóctonas continúan tendo unha importante presenza e constitúen unha actividade clave para o mantemento do rural.
O obxectivo destas subvencións é favorecer a recría de femias e machos das razas autóctonas galegas ameazadas, contribuíndo á súa conservación, ao tempo que se reforza a viabilidade económica das explotacións que apostan por este modelo produtivo.
Segundo destacou a deputada do PPdeG Cristina Campero, apoiar estas explotacións significa «investir en biodiversidade, en sustentabilidade e tamén en oportunidades para o noso rural», mentres que o deputado Miguel Viso incidiu en que este tipo de medidas contribúen a preservar un patrimonio xenético que achega valor engadido ás producións gandeiras galegas.
Ademais da conservación das razas autóctonas, as axudas buscan favorecer a modernización das explotacións, mellorar a súa rendibilidade e impulsar a remuda xeracional, tres dos principais retos aos que se enfronta o sector nas comarcas do interior.
