sábado. 10.01.2026

Turismo de Galicia reforza o Camiño de Inverno cunha nova oficina de atención ao peregrino na Rúa

A Xunta inviste preto de 60.000 euros nun espazo que será tamén sede da Asociación de Amigos do Camiño de Inverno por Valdeorras
somoscomarca_1513
Turismo de Galicia reforza o Camiño de Inverno cunha nova oficina de atención ao peregrino na Rúa

A Xunta de Galicia reafirma a súa aposta polo Camiño de Inverno coa inauguración dunha nova oficina de información ao peregrino na localidade da Rúa, un espazo que funcionará tamén como sede da Asociación de Amigos do Camiño de Inverno por Valdeorras.

somoscomarca_1506
Xose Merelles durante a súa intervención

O acto estivo presidido polo director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, quen destacou a importancia desta actuación para mellorar os servizos e a experiencia das persoas que percorren esta ruta xacobea.

somoscomarca_1508

A intervención, cun investimento total de 59.345,66 euros, permitiu a rehabilitación dun antigo edificio situado na praza do Santo, conservando elementos construtivos esenciais e adaptándoo ás necesidades actuais de atención e acollida aos peregrinos. As novas instalacións están chamadas a converterse nun punto de referencia para a promoción do Camiño de Inverno ao seu paso por Valdeorras.

somoscomarca_1509
A capela quedouse pequena durante a inauguración

Durante a inauguración, Xosé Merelles subliñou que «esta é unha casa universal, a casa de todos os peregrinos», ao tempo que puxo en valor o papel da hospitalidade como un dos piares do espírito xacobeo. O director de Turismo de Galicia lembrou tamén que o Camiño de Inverno cumpre este ano dez anos desde a súa declaración como ruta oficial e que se trata dun itinerario en claro crecemento, especialmente no ámbito internacional. «No ano 2025, o 34% dos peregrinos que realizaron este camiño desde Ponferrada ata Santiago foron estranxeiros, principalmente procedentes de Portugal, Italia e Estados Unidos», indicou.

 

A alcaldesa da Rúa, María González Albert, salientou a recuperación dun espazo de gran valor simbólico para o municipio. «Os rueses e ruesas recuperamos unha antiga capela que estaba perdida e que agora poderá acoller un centro de atención ao peregrino, unha infraestrutura moi necesaria nesta ruta», afirmou, destacando tamén as melloras realizadas no albergue de peregrinos da localidade.

somoscomarca_1510
Zona superior do edificio reformado

Pola súa banda, a presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Inverno por Valdeorras, Asunción Arias, agradeceu o apoio institucional e o traballo das persoas que fixeron posible o proxecto, definindo o novo espazo como «a porta do camiño» e un lugar de acollida, encontro e memoria para quen percorre esta vía histórica cara a Compostela.

somoscomarca_1511
Merelles con Ángel Rodríguez quen cedeu o edificio restaurado

No acto estivo Ángel Rodríguez, propietario do inmoble rehabilitado, quen lembrou que a cesión do edificio á asociación se fixo de maneira gratuíta e desinteresada. «Cedímolo con todo o cariño do mundo para que tivese un uso que lle dese vida e sentido», explicou.

somoscomarca_1507
Boa sintonía entre a presidenta da asociación e o director de Turismo

Esta actuación enmárcase no conxunto de investimentos realizados por Turismo de Galicia na comarca de Valdeorras nos últimos anos, que superan os 2,8 millóns de euros, destinados á mellora das infraestruturas, á seguridade viaria do Camiño de Inverno e á promoción turística do territorio.

somoscomarca_1512

Coa posta en marcha desta nova oficina, a Rúa consolídase como un lugar clave no Camiño de Inverno, reforzando a atención aos peregrinos e contribuíndo á dinamización turística e social de Valdeorras, nun itinerario que segue a gañar recoñecemento e proxección dentro e fóra de Galicia.

somoscomarca_1514

 

Turismo de Galicia reforza o Camiño de Inverno cunha nova oficina de atención ao...