O Camiño de Inverno é patrimonio, paisaxe, cultura e tamén unha experiencia persoal para milleiros de peregrinos que cada ano atravesan Valdeorras camiño de Santiago. Pero ese percorrido tamén precisa seguridade. Esa foi a mensaxe trasladada este luns na Rúa durante a presentación da campaña «Non camiñas soa: Camiño de Santiago libre de violencias machistas».
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, escolleu un dos concellos polos que discorre esta ruta xacobea para presentar unha iniciativa que busca reforzar a protección das mulleres peregrinas, especialmente daquelas que cada vez en maior número deciden realizar o Camiño en solitario.
No acto participaron tamén a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, Alida Iglesias; a alcaldesa da Rúa, María González Albert; o tenente coronel xefe da Comandancia da Garda Civil de Ourense, Rafael Berguillo, a presidenta da Asociación Amigos do Camiño de Inverno por Valdeorras, Asunción Arias e diferentes efectivos do corpo fda Garda Civil.
A presentación contou ademais cun despregamento de medios da Garda Civil, con cabalos, helicóptero e drons, que chamou especialmente a atención dos nenos e nenas dos campamentos municipais de verán que puideron coñecer de preto parte dos recursos empregados nos dispositivos de seguridade.
«O Camiño precisa tamén dispositivos de seguridade»
Durante a súa intervención, Eladio Santos lembrou que o Camiño de Santiago representa «un patrimonio cultural, turístico e de experiencias», pero incidiu en que esa riqueza debe ir acompañada de medidas que permitan ás persoas peregrinas sentirse protexidas.
«Ese patrimonio que é o Camiño de Santiago precisa tamén de dispositivos de seguridade», destacou o subdelegado, explicando que nesta liña traballan tanto o Ministerio do Interior como o Ministerio de Igualdade.
Santos explicou que a campaña «Non camiñas soa» nace para dar resposta ao incremento de mulleres que realizan as rutas xacobeas sen compañía. «O que pretende é que as mulleres que fan o Camiño de Santiago soas teñan protección, información e lugares de refuxio», sinalou.
Eses puntos de apoio inclúen oficinas de turismo, albergues, establecementos comerciais e tamén os cuarteis da Garda Civil, onde as peregrinas poden atopar información ou axuda no caso de sentirse vítimas de calquera tipo de acoso ou violencia de xénero.
Na provincia de Ourense distribuíronse arredor de 150 carteis e máis de 1.550 tarxetas informativas en castelán e inglés. O material está presente en farmacias, centros sanitarios, oficinas de turismo, albergues, comisarías e postos da Garda Civil.
AlertCops e o 062, ferramentas para pedir axuda no Camiño
O subdelegado fixo especial fincapé na importancia de coñecer os recursos dispoñibles durante a peregrinación. Entre eles destacou o teléfono da Garda Civil, o 062, e a aplicación móbil AlertCops.
«Permite, se así o considera o usuario, a identificación permanente da localización do peregrino que poida necesitar axuda nun momento dado, sexa por motivos de violencia de xénero ou por calquera circunstancia sobrevida non desexada», explicou Santos.
O material informativo tamén incorpora un código QR que facilita o acceso aos recursos da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero.
Un dispositivo especial para o Xacobeo 2026
Esta campaña intégrase ademais no Plan de Seguridade Xacobeo 2026, que estará activo ata o 12 de outubro e no que participan diferentes corpos policiais europeos vinculados aos territorios polos que pasan as rutas xacobeas.
No caso da provincia de Ourense, este dispositivo reforza a vixilancia tanto no Camiño de Inverno —que atravesa Carballeda de Valdeorras, O Barco, Vilamartín e A Rúa— como na Vía da Prata.
«Hai efectivos mobilizados con cabalos, patrullas ordinarias, motocicletas, soporte da unidade Pegaso con drons, helicóptero e tamén unidades móbiles de atención ao cidadán», detallou Santos.
O obxectivo, segundo destacou o subdelegado, é garantir que todas as persoas que percorran o Camiño poidan facelo «con seguridade, con garantías e tranquilas, desfrutando dos nosos recursos turísticos e culturais».


