
Hoxe é Xoves de Comadres, unha data sinalada no noso Entroido, unha desas xornadas onde a festa e a tradición se mesturan nunha celebración chea de simbolismo. Como manda a costume, a Lardeira xa colga ao carón do Lardeiro nos puntos estratéxicos de cada vila. En Viana, en Vilariño, á entrada da Veiga, no balcón do Concello do Barco ou no cruceiro de Vilamartín, alí están, observando dende as alturas a troula que se aveciña.
O primeiro en colgarse sempre é o Lardeiro, ou Meco, nove días antes do domingo gordo. Son as mulleres as que se encargan de confeccionar unha figura de palla con roupas dos homes do pobo, que deben intentar baixalo, xerando as tradicionais "batallas" onde antigamente se empregaba fariña. E logo chega o Xoves de Comadres, o día no que os homes devolven a xogada, vestindo a figura de palla con roupas das mozas. Iso si, é unha tradición reservada aos solteiros e solteiras, bueno as nenas e nenos tamén lles está permitido.
Pero a cousa non sempre foi doada! Contábame onte unha muller de Sobrado, parroquia da Pobra de Trives, que cando era nena e chegaba este tempo, ao ter un irmá, roubarlle a roupa para facer o Lardeiro era sinxelo. Pero noutras casas non era tan fácil. Outra veciña recordaba como o seu pai, cando era mozo, pechou a porta con candado para evitar que lle levasen a roupa... pero as mozas non se renderon e lograron levala igualmente! Rebentáronlle a porta, aseguraba cunha risa de satisfacción.
Ademais, non hai Xoves de Comadres sen doces! Na miña casa, facíamos «torroxas» para Compadres e flores para Comadres. E como non, filloas e orellas, que xa levan anos sendo imprescindibles nestas datas, aínda que viñeron importados da zoa de Santiago e Coruña, que é de onde son típicos estes doces nestas datas.
A min, como boa lambona, góstanme todos, pero se teño que escoller, quedo coas flores, que xa facía a miña avoa Pura, despois a miña nai, e agora fágoas eu.
A celebración evolucionou co tempo. Agora, o que se leva é que as mozas e non tan mozas saian cear disfrazadas. En Viana, a festa é multitudinaria; non cabe un alfinete pola vila! A Rúa é outro punto quente da festa, onde a tradición segue viva grazas a aquelas mulleres da Peña Imperio que hai máis de 30 anos comezaron a saír disfrazadas. Hoxe en día, seguen reuníndose no Casino da Rúa, xuntando a máis de 150 mulleres. Tamén nos bares e restaurantes da vila se sente o espírito de Comadres. En Trives, no Barco, na Veiga ou en Vilariño de Conso tamén raigame estas ceas de mulleres
Ademais, hai que destacar o traballo que se está facendo nos colexios da contorna para que as tradicións do Entroido non se perdan. Os nenos e nenas aprenden desde pequenos a importancia destas figuras que, como manda o ritual, colgan nos lugares máis altos do pobo ata o Martes de Entroido, cando se queiman para despedir o ciclo festivo antes do Mércores de Cinza.
Así que, amigas e amigos, vivamos o Entroido, celebremos o Xoves de Comadres e que non falte a festa, o doce e a tradición! Viva o Entroido e, vivan as comadres!
