Cada 17 de maio, Galicia detense para celebrar unha das súas datas máis especiais: o Día das Letras Galegas. Unha xornada que pon en valor a nosa lingua, a literatura e a cultura propias. Un día para reivindicar o galego como patrimonio vivo, pero tamén para encher rúas e prazas de música, contos, tradición e encontro veciñal.
Este 2026, a celebración está dedicada á escritora e xornalista Begoña Caamaño, unha autora comprometida co feminismo, coa lingua galega e coa defensa dunha cultura crítica e transformadora. A súa figura estará moi presente nas actividades programadas en toda a comarca e arredores durante os vindeiros días.
Vilamartín de Valdeorras – Córgomo
Córgomo volverá converterse nun gran espazo de encontro arredor da cultura galega coa celebración de A Florenciada, unha cita que mestura artesanía, música, gastronomía e tradición popular.
A festa celebrarase o 16 de maio, entre as 11.00 e as 19.00 horas, enchendo as rúas da localidade de ambiente festivo e propostas para todos os públicos.
Ao longo da xornada haberá feira de artesanía, con preto dunha vintena de postos, ademais dunha ampla oferta gastronómica en distintos espazos habilitados no propio pobo, onde se poderán degustar polbo, arroces, empanadas, mel, queixos e outros produtos tradicionais.
A programación inclúe tamén obradoiros de xogos populares, partidas de bolos, unha exposición sobre a obra de Begoña Caamaño na Casa do Pobo e animados cantos de taberna, que percorrerán as rúas de Córgomo poñendo banda sonora á celebración.
O Barco de Valdeorras
O Concello do Barco preparou unha programación que mestura deporte, música, narración oral e actividades para a cativada.
O 17 de maio, ás 11.00 horas, a Praza Andrés de Prada acollerá a I Andaina pola Lingua, unha proposta aberta á participación veciñal que incluirá tamén unha carreira para nenos e nenas de entre 0 e 6 anos. A andaina contará cun percorrido de 2,7 quilómetros e as inscricións poderán realizarse na propia praza durante a mañá.
Xa ao mediodía, ás 13.00 horas, o Paseo do Malecón converterase no escenario do Vermú das Letras, coa proposta de narración oral e música “Repunantas”, nun ambiente pensado para desfrutar da cultura ao aire libre.
Pola tarde, ás 18.30 horas, os máis pequenos serán protagonistas das Pequeletras, tamén na Praza Andrés de Prada, coa representación de “Begoña ao teléfono”, de Raquel Queizás. A programación completarase o 19 de maio, ás 19.00 horas, cun concerto da Escola de Música do Barco no Teatro Lauro Olmo.
A Rúa e Petín
A Asociación Cultural Abertal volverá sacar á rúa a música tradicional galega cun programa pensado para compartir cultura e participación veciñal.
As actividades arrancarán o 16 de maio en Petín, cunha actuación do grupo de gaitas ás 12.30 horas. Ademais, integrantes da asociación participarán durante a mañá nun acto organizado polo CEIP Manuel Respino no Aguillón, onde haberá actuacións de cantareiras, pandeireteiras e gaiteiros.
Xa pola tarde, os grupos de canto, baile e pandeireta trasladaranse ata Córgomo para participar na celebración da Florenciada. O acto central terá lugar o propio 17 de maio, a partir das 12.00 horas, na Praza do Concello da Rúa.
A xornada incluirá unha homenaxe a Begoña Caamaño, cunha pequena presentación sobre a autora e distintas actuacións dos grupos da escola de Abertal. Haberá música tradicional, baile, percusión, gaita, canto e pandeireta nun espectáculo interxeracional no que participarán desde os máis pequenos ata os adultos.
Quiroga
Quiroga vivirá un intenso “Mes das nosas Letras” con conferencias, concertos, presentacións literarias e música tradicional.
O 15 de maio, ás 20.00 horas, a Casa da Cultura acollerá a conferencia de Olga Novo, titulada “Begoña Caamaño, a muller que reinventaba o mundo”, organizada polo BNG de Quiroga.
Ao día seguinte, o 16 de maio, tamén ás 20.00 horas, celebrarase un concerto de música vocal coas actuacións do Grupo Vocal Entrelas, a Coral Cantar Delas e a Coral Polifónica de Quiroga. A programación continuará o 22 de maio coa presentación do libro “A aira dos ventos”, do escritor Jesús Alfonso Parada Jato.
O 24 de maio, o Auditorio Municipal recibirá ao grupo folk Lenda Ártabra, formación ferrolá que combina música tradicional galega con composicións propias e poemas musicados.
E xa o 30 de maio, a escritora local Celia Díaz presentará na Casa da Cultura a revista de pasatempos “Lobos te coman”, acompañada de fotografías de Ramón Vila para percorrer distintos recunchos do municipio.
Viana do Bolo
O Concello de Viana do Bolo apostou por unha programación diversa, con actividades para todas as idades e moi vinculadas á lingua e á tradición oral.
O 15 de maio, ás 17.00 horas, celebrarase O Sendeiro da Lingua, un percorrido entre Viana e Mourisca con xogos e probas relacionadas coa cultura galega. A saída será desde o recinto do Toural.
Ese mesmo día, ás 20.00 horas, a Casa da Cultura acollerá o Festival Letras Galegas da Coral Candea. Xa o 17 de maio, ás 13.00 horas, a Praza Maior encherase de música coa actuación de Amoroudos.
As actividades continuarán o 22 de maio, coa presentación do libro “Aldeas de Conso, Frieiras e Viana”, no salón de plenos do Concello. E o 29 de maio, ás 18.00 horas, a Casa da Cultura recibirá o espectáculo familiar “As Mil e Unha”, unha proposta de narración oral e música en directo pensada para público familiar.





