lunes. 11.05.2026

Viana impulsa emprego, cultura e transparencia con novas iniciativas municipais

O Concello participa nun novo obradoiro de emprego comarcal, fai públicos os custos da Festa da Androlla e programa actividades co gallo das Letras Galegas
Vista do Castelo desde o mirador de San Cibrao, Viana do Bolo

O Concello de Viana do Bolo continúa avanzando en distintas iniciativas vinculadas ao emprego, á cultura e á información pública coa posta en marcha de novos proxectos e actividades nas últimas semanas.

Un dos asuntos abordados recentemente foi a reunión mantida entre os concellos de Viana do Bolo, Vilariño de Conso e A Gudiña para acordar as bases organizativas do novo Obradoiro de Emprego conxunto correspondente ao período 2026-2027.

O programa, denominado «Portas de Galicia V», comezará o vindeiro 1 de xuño e ofrecerá formación dual nas especialidades de albanelaría e forestal. O obradoiro permitirá que vinte veciñas e veciños dos tres municipios adquiran formación práctica orientada á inserción laboral ao tempo que perciben un salario durante nove meses.

Desde os concellos participantes destacan a importancia deste tipo de iniciativas para favorecer oportunidades laborais no rural e contribuír á fixación de poboación.

O Concello fai públicos os custos da Festa da Androlla

Por outra banda, o Concello de Viana do Bolo fixo públicos os custos da Festa da Androlla 2026 dentro, segundo indican, do seu «compromiso coa transparencia, a xestión pública responsable e a rendición de contas ante a veciñanza».

Segundo os datos difundidos, no xantar dos folións participaron arredor de 1.300 persoas, cun custo de 32 euros por asistente. Ademais, no xantar celebrado no pavillón participaron unhas 1.400 persoas, ascendendo o gasto total desta parte da celebración a 44.800 euros. En total, o custo dos dous xantares alcanzou os 86.400 euros.

No referente aos ingresos, o Concello sinala que se venderon 1.343 entradas e se repartiron 57 invitacións, cunha recadación total de 40.290 euros. O custo final asumido pola administración local foi de 46.110 euros.

As Letras Galegas celebraranse cun festival na Casa da Cultura

A actividade cultural tamén terá protagonismo nos vindeiros días coa celebración das Letras Galegas. Viana acollerá o venres 15 de maio, na Casa da Cultura e a partir das oito da tarde, un festival organizado pola Coral Polifónica Candea de Viana coa colaboración do Concello.

No evento actuarán as Pandereiteiras As Travesas da Mezquita, Cabreiras de Trives, Os Trouleiros de Verín e a propia Coral Candea, nunha cita que servirá para homenaxear a música tradicional e a cultura galega.

O IGE realizará en Viana a Enquisa Estrutural de Fogares entre o 18 e o 31 de maio

Ademais, o Concello informou tamén, a través dun bando municipal, de que entre os días 18 e 31 de maio o Instituto Galego de Estatística desenvolverá no municipio a «Enquisa Estrutural de Fogares». Desde a administración local solicitan colaboración á veciñanza e lembran que o persoal encargado das entrevistas irá debidamente identificado.

Viana impulsa emprego, cultura e transparencia con novas iniciativas municipais