Viana do Bolo celebrou este domingo unha das súas xornadas máis emblemáticas do ano coa celebración do Domingo Gordo do Entroido, nun día no que a chuvia deu tregua e permitiu que o desfile de fulións, boteiros e carrozas se desenvolvese con total normalidade.
As rúas da vila enchéronse de ritmo, cor e son coa participación de 23 fulións, ademais de comparsas e carrozas, nun desfile no que tomaron parte preto de 1.000 persoas, ofrecendo unha imaxe de forza colectiva e identidade cultural. Os bombos e sachos marcaron o paso, mentres os boteiros abrían camiño cos seus característicos saltos e vestimentas, ante a atenta mirada de veciños e visitantes.
Xa pola tarde, arredor das catro, daba comezo no pavillón polideportivo unha nova edición da Festa da Androlla, que reuniu a preto de 3.000 comensais, coas entradas esgotadas días antes, confirmando o enorme tirón desta cita gastronómica.
O menú mantivo a esencia da tradición vianesa: caldo con picatostes, cocido con androlla, chourizos, lacón, cachelos e grelos, cordeiro asado con ensalada, bica de Viana, café e a imprescindible queimada como peche dunha xornada que volveu situar a Viana do Bolo como epicentro do Entroido galego.
A Xunta destaca o impacto turístico e socioeconómico da Festa da Androlla
O Goberno galego puxo en valor o potencial de citas consolidadas como a Festa da Androlla na dinamización do territorio. O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, asistiu á 54ª edición da celebración acompañado polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.
Desde o Executivo autonómico salientouse que accións que poñen en valor a gastronomía e os recursos propios do territorio, ligadas ao programa do Entroido —como o desfile de fulións, boteiros e carrozas— contribúen á promoción turística e ao desenvolvemento socioeconómico, nun contexto no que o Entroido tradicional galego está recoñecido como Festa de Interese Turístico Nacional pola súa singularidade e riqueza folclórica.
Besteiro reivindica no Entroido unha Galicia interior con servizos públicos dignos
Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, participou tamén no Domingo Gordo, aproveitando a súa visita para defender unha Galicia interior con servizos públicos suficientes.
Besteiro destacou que «é unha satisfacción achegármonos a Viana do Bolo e ás comarcas do oriente ourensán nun día tan sinalado», lembrando que visitas anteriores á provincia estiveran marcadas por situacións difíciles como os incendios forestais. Para o líder socialista, a celebración do Entroido e da Festa da Androlla amosa que «o rural ten vida, identidade e capacidade».
Durante a súa intervención, advertiu de que Galicia «non pode avanzar a dúas velocidades» e criticou a redución de servizos esenciais no interior. «O noso rural ten futuro se defendemos os servizos públicos e investimos para crear oportunidades», afirmou, facendo referencia á sanidade, á educación e ao apoio ao sector primario e á industria de transformación.
Besteiro cuestionou tamén as políticas do PP fronte ao reto demográfico e ao financiamento municipal, sinalando que concellos rurais están asumindo competencias sen os recursos necesarios. «Ademais de cultura e historia, o noso rural merece futuro», concluíu.
O Entroido como motor local
O alcalde de Viana do Bolo, Germán García Ávila, puxo en valor o Entroido como motor social e económico do municipio, destacando unha celebración que aspira a seguir medrando e ampliando o seu recoñecemento máis aló das fronteiras galegas.
A xornada contou tamén coa presenza de diversos representantes institucionais e orgánicos, consolidando un Domingo Gordo que volveu demostrar que tradición, gastronomía e participación cidadá seguen sendo os piares do Entroido vianés.
