domingo. 10.05.2026

Abertal encherá A Rúa de música, baile e palabras para celebrar as Letras Galegas

A asociación cultural prepara un amplo programa de actividades arredor do 17 de maio cunha homenaxe ás cantareiras e á cultura popular galega
somoscomarca_santiago_turismodegalicia_merelles_barreiro_rivera-monforte702

A música tradicional, as pandeiretas, o baile e o canto volverán soar con forza en A Rúa durante a celebración das Letras Galegas. A Asociación Cultural Abertal xa ten preparado un completo programa de actividades co que busca poñer en valor a cultura popular galega e compartir coa veciñanza o traballo desenvolvido ao longo de todo o curso.

O presidente da asociación, Manuel Durán, explicou en Radio Valdeorras-Onda Cero que as actividades comezarán xa o día anterior ao das Letras Galegas, cunha intensa xornada cultural repartida por distintos puntos da comarca.

A programación arrancará o 16 cunha actuación do grupo de gaitas en Fontei ás doce e media da mañá. Ademais, entre as once e a unha e media, integrantes da asociación participarán tamén nun acto organizado polo CEIP Manuel Respino no Aguillón, no que actuarán grupos de cantareiras, pandeireteiras e gaiteiros.

Xa pola tarde, o grupo de canto de taberna levará a música tradicional ata A Florenciada, en Córgomo (Vilamartín). «Unos van cos cantos de taberna, outros cos bailes, outros coas pandeiretas… así podemos espallarnos un pouco máis», explicaba Manuel Durán.

O acto central chegará o propio 17 de maio, Día das Letras Galegas, cunha celebración aberta ao público na Praza do Concello da A Rúa a partir das doce do mediodía.

A homenaxe deste ano estará dedicada A Begoña Caamaño. O pasado ano recordar que se adicou ás cantareiras e á poesía popular oral, representadas nas figuras de Adolfina e Rosa Casas, Eva Castiñeira e as Pandeireteiras de Mens, protagonistas das Letras Galegas 2025.

Durante o acto realizarase unha pequena presentación sobre Caamaño, a persoa homenaxeada e, a continuación, sucederanse as actuacións dos distintos grupos da escola de Abertal, desde os máis pequenos ata os adultos, nun espectáculo no que haberá baile tradicional, gaita, percusión, canto e pandeireta.

Na actualidade, a asociación conta con arredor dun cento de alumnos repartidos en diferentes disciplinas e mantén en funcionamento catro áreas formativas: baile e pandeireta, percusión, gaita e acordeón. «Intentaremos aumentar aínda máis o número de alumnos para o próximo curso», sinalou Durán, destacando o bo momento que vive a entidade.

O presidente de Abertal explicou tamén que a asociación recibiu invitacións para actuar noutros lugares durante o Día das Letras Galegas, aínda que algunhas tiveron que ser rexeitadas pola intensa actividade prevista na propia vila.

Ademais da programación das Letras, Abertal continuará nas próximas semanas con novas actividades vinculadas á cultura tradicional galega. O 23 de maio organizarán un obradoiro de construción de pandeiros impartido por un artesán chegado desde Maceda.

O curso dividirase en dúas sesións, unha de mañá e outra de tarde, e contará con preto de vinte participantes. Aínda quedan algunhas prazas libres para persoas interesadas, tanto pertencentes á asociación como externas.

O calendario cultural continuará tamén coa celebración da asemblea anual da entidade o 29 de maio e co tradicional festival de fin de curso, previsto para o 19 de xuño na praza de Fontei. «É un entorno moi bonito, con boa sonoridade e moita sombra, e xa é unha tradición facelo alí», explicou Manuel Durán.

Desde Abertal animan á veciñanza a participar nas distintas actividades e a achegarse a coñecer o traballo dunha asociación que leva anos converténdose nun dos grandes motores da cultura tradicional galega na comarca.

Abertal encherá A Rúa de música, baile e palabras para celebrar as Letras Galegas