miércoles. 04.02.2026

Abertal pecha un ano intenso de actividade cultural e mira xa cara ao seu 40 aniversario

A asociación da Rúa repasa un 2025 cheo de actuacións, proxectos solidarios e renovación interna, con preto de cen alumnos e novos retos no horizonte
somoscomarca_20251219_abertal

A Asociación Cultural Abertal da Rúa fai balance dun 2025 «bastante completiño», marcado por unha intensa actividade cultural, musical e formativa, así como por importantes proxectos de futuro. Así o explicou en Radio Valdeorras Manuel Durán, presidente da entidade, que repasou unha traxectoria anual chea de actuacións, encontros e iniciativas solidarias.

O ano comezou xa en xaneiro cunha participación no programa Lugar da TVG, cunha proposta que combinou banda de gaitas e baile tradicional. «Fixemos algo así misturado, unha cousiña bonita», lembrou Durán. A partir de aí, Abertal estivo presente en numerosos eventos ao longo do ano, desde a Ruta dos Fornos ou a Ruta das Covas ata os Maios do Barco.

Un dos momentos destacados chegou en marzo coa presentación na Rúa da triloxía O rosel do meu sentir, do recoñecido gaiteiro Xoan Carlos Rilo. «É un bo amigo e un gran gaitero», sinalou Durán sobre un acto que cualificou de moi interesante para a vida cultural da vila.

O mes de maio estivo marcado pola celebración do Día das Letras Galegas, cunha xornada completa de actuacións na Rúa e en Córgomo, onde o profesor Manolo Cobas presentou unha obra coreográfica. Ademais, a asociación celebrou a súa Asemblea Xeral Ordinaria, na que se produciu unha pequena renovación da directiva debido a cambios persoais dalgúns membros.

Abertal pecha un ano intenso de actividade cultural e mira xa cara ao seu 40 aniversario