O Tren Turístico de Galicia volveu facer parada este sábado na estación da Rúa-Petín cun novo grupo de viaxeiros dispostos a descubrir a comarca a través dunha combinación de paisaxe, viño, gastronomía e patrimonio.
O director de Turismo de Galicia, Xose Merelles, recibiu aos participantes dunha ruta que, segundo destacou, é actualmente a segunda máis demandada do programa de Trens Turísticos de Galicia, só por detrás do Tren dos Faros, que percorre o itinerario entre Ferrol e Viveiro.
«Este é un programa de éxito total», asegurou Merelles, lembrando que a iniciativa conta este ano con 13 rutas por toda Galicia e permitirá que máis de 3.000 persoas descubran o territorio entre os meses de marzo e outubro.
A proposta que chega a Valdeorras parte de Ourense e ten na estación da Rúa-Petín unha das súas paradas fundamentais. Desde aquí, os participantes continúan unha experiencia na que o enoturismo ocupa un lugar destacado.
A Coroa, viño e paisaxe desde lo alto da Rúa
Unha das visitas incluídas no percorrido é a adega A Coroa, na Rúa, onde os viaxeiros poden coñecer de preto o proceso de elaboración dos viños de Valdeorras, achegarse ás variedades propias da comarca e degustar godello e tinto.
Merelles destacou especialmente a vinculación da adega co turismo e o enoturismo e o seu distintivo de calidade turística, ademais da historia que rodea o enclave no que se atopa. «Ten ese pasado romano nese enclave da Coroa e tamén unhas vistas espectaculares da Valdeorras occidental», sinalou.
A época do ano engade ademais un atractivo especial á visita. Coa uva xa avanzando no seu proceso de maduración, os participantes poden coñecer directamente no viñedo as variedades cultivadas e recibir as explicacións dos adegueiros sobre o traballo que precede á elaboración de cada viño.
O percorrido continuou, xa pola tarde, polo entorno do Santuario das Ermitas e o propio templo Barroco no Bolo, antes de emprender o regreso ao punto de partida.
Para o director de Turismo de Galicia, precisamente a diversidade é unha das claves do éxito desta ruta, que funciona de maneira ininterrompida desde a posta en marcha do programa. «É unha combinación de paisaxes da Ribeira Sacra, desta liña ferroviaria entre Ourense e A Rúa-Petín, que son extraordinarias. A xente sempre leva un recordo marabilloso desta experiencia», explicou.
Merelles destaca a resposta de Sons Urbanos
A visita de Xosé Merelles á Rúa permitiu tamén facer balance de Sons Urbanos, o festival celebrado este venres na Praza da Estación dentro dos Concertos do Xacobeo.
Merelles cualificou a experiencia de «moi satisfactoria» e destacou especialmente a resposta do público nun festival que celebraba a súa primeira edición. Segundo sinalou, conseguiu congregar a miles de persoas, cun público especialmente entregado durante a actuación de 9Louro.
Tamén tivo palabras para a ruesa Mela, que debutaba ante o público da súa vila: «Creo que todos os rueses estivemos moi atentos aos compases da súa música». Unha noite que, segundo resumiu, deixou «unha velada estupenda» que se prolongou ata entrada a madrugada.

