
























)









somoscomarca_20250501_obarco_plazaprincipe_premiosmayos (2)












O Barco está a vivir unha xornada chea de cor, música e tradición coa celebración da Festa dos Maios, unha das festividades máis arraigadas e queridas. A praza do Príncipe converteuse nun escenario cheo de voces, flores e mans que demostraron que o pobo florece diferente en maio, non só nos seus campos e montañas, senón tamén nas súas prazas e nos corazóns.

Desde primeira hora, a xornada estivo marcada pola participación de oito Maios nas modalidades de artísticos e tradicional, o recital de múscia tradiconal a cargo de Abertal e o canto das coplas, que deleitaron aos asistentes que enchian a praza. A apertura correu a cargo do Colexio Condesa de Fenosa, seguido polas actuacións do Divina Pastora, Julio Gurriarán e Otero Pedrayo, que aportaron o seu talento a esta celebración.
Os postos de artesanía, en total 27, ofrecen unha variedade de produtos que reflicten a riqueza cultural e artesanal da zona: libros, madeira, doces, “palilleiras”, licores, queixos, produtos gourmet e moito máis. Estes postos estarán abertos durante toda a xornada, permitindo aos visitantes e veciños gozar do talento local e facer as súas compras.

Este evento non é só unha celebración, senón un acto de identidade e unión, un canto colectivo á terra que nos sustenta e unha oportunidade para sentir coa alma, escoitar coas coplas e florecer en comunidade. Cada maio, cada flor e cada copla representan un mensaxe, unha lembranza e unha semente que segue medrando no corazón de todos.

Desde o Concello, Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura, agradeceo a todas as persoas que traballaron na construción dos maios e na elaboración das coplas, porque sen o seu esforzo esta festa non sería posible. Un recoñecemento especial aos nenos e nenas que axudaron a embellecer a praza e a todos os que colaboraron na organización.

Os maios presentados a concurso, elaborados por asociacións e agrupacións locais, serán valorados por un xurado que decidirá os gañadores en distintas categorías: maios tradicionais, artísticos e coplas. A entrega de premios terá lugar ás 7 da tarde, nun acto que tamén incluirá a votación popular mediante unha urna do CCA para o premio de maio aberto.
Premiados
A espectacular xornada festiva dos maios rematou coa entrega de premios, que foron os seguintes: na categoría de maio enxebre, o primeiro premio foi para o realizado polo colexio Julio Gurriarán, o segundo para o Condesa de Fenosa, o terceiro para o Otero Pedrayo e un accésit para o Divina Pastora.

Na categoría de maio artístico, o primeiro foi para a ANPA Otero Pedrayo, o segundo para a ANPA Aturoxo Julio Gurriarán, o terceiro para o Condesa de Fenosa e un accésit para Asfaval.

O premio das coplas foi para: primeiro para o Condesa de Fenosa, segundo para Divina Pastora e dous accésits para o Julio Gurriarán e o Otero Pedrayo. O maio popular do Centro Comercial Aberto correspondíu ao Divina Pastora. Ademais tamén se sorteou un vale de compra entre os participantes nese voto. En total repartíronse 1.800 € entre dodos os participantes.