O Concello do Barco de Valdeorras vese obrigado a aprazar o espectáculo «Dous ollos de vidro», protagonizado por Quico Cadaval e Celso Sanmartín, previsto para esta noite na Praia Fluvial do Malecón, debido ao aviso por fenómenos meteorolóxicos adversos emitido pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior para a comarca de Valdeorras.
A actuación, integrada na programación do XIV Ciclo De Perto, celebrarase finalmente o mércores 29 de xullo ás 20.30 horas.
O Concello explica que tampouco é posible trasladar a función ao Teatro Lauro Olmo, xa que o recinto permanece inutilizable por mor das obras de substitución das butacas. Por este motivo, optouse por cambiar a data do espectáculo en lugar de buscar unha localización alternativa.