viernes. 09.12.2022

Xoves Lardeiro revivindo tradicións en Manzaneda

Os nenos e nenas do colexio de Manzaneda seguen a manter as tradicións, este xoves revivimos con eles o Xoves de Compadres ou Xoves Lardeiro

Os que temos unha idade e estudamos nunha escola de aldea, daquelas chamadas unitarias, rememoramos tempos coma o do Entroido onde o Xoves de Lardeiro, Lardeira, Comadres, o Compadres —segundo a zona onde un se atopase tiña un nome distinto— era un día de troula e diversión onde o Meco era o protagonista.

Esta semana achegámonos ao colexio de Manzaneda onde seguen a manter a tradición destes dous xoves trouleiros. As rapazas nos días anteriores fan o lardeiro que ese xoves esconden e os rapaces teñen que atopar. Se así é a rapaza que o escondeu ten que facer que non llo quiten. O Xoves de Lardeira é ao revés, intercámbianse os papeis de buscador e buscado.

Aquí vos deixamos un vídeo onde podedes ver como unha das rapazas defende o seu lardeiro até a extenuación:

 

Xoves de Lardeiro ou de compadres

O Xoves de Compadres ou Lardeiro marca o inicio do Entroido. En zonas como Vilariño de Conso, Viana ou A Veiga vívese intensamente. As mulleres rouban roupa aos mozos para facer o Lardeiro que colgan nun lugar alto: un balcón, unha árbore ou un pao. Mentres está colgado as mozas, agora todas as mulleres fan burla dos homes até que estes non conseguen baixalo. O Xoves de Comadres os que realzan o Meco son os mozos.

Manoli Gómez, do Fulión da Veiga, explicaba así o que significaba o Lardeiro nunha entrevista en Somos Comarca: :«Xuntámonos un grupo de mulleres para facelo e logo colgámolo para que pola mañá aparecera posto. Pasamos toda a noite de troula. Hoxe fan a cea os homes e, o xoves que ven, son eles os que fan a Lardeira e nos a cea. Ven de moi antigo, dos nosos antepasados. Aquí hai distintos pobos co fan de diferente forma. Por exemplo, no pobo que era da miña nai, sorteaban un mozo e unha moza, entón o mozo tiña que facer o moneco da moza e a moza o do mozo que saíra no sorteo. Roubábanse a roupa un ó outro para facer os mecos que a mañá  aparecían colgados».

Xoves Lardeiro revivindo tradicións en Manzaneda