O son dos bombos, das trompetas e o movemento acompasado das mázcaras encheron de vida a aldea de Palleirós (Manzaneda) coa celebración da fuliada da Mourela pra Acá, unha cita cargada de sentimento, orgullo e identidade.
Durante a mañá do 31 de xaneiro, a localidade transformouse nun espazo de encontro e troula, na que veciños e visitantes participaron activamente nunha celebración que afunde as súas raíces na tradición. A música do fulión e o baile das mázcaras crearon unha atmosfera única que uniu xeracións arredor dun mesmo sentimento.
Un dos elementos máis destacados da Fuliada é a súa capacidade para xuntar persoas de todas as idades. Mentres os maiores transmiten vivencias doutras épocas, os máis novos aprenden os pasos da danza tradicional e intégranse nunha herdanza cultural viva.
Ás 11.00 horas, o fulión solicitou formalmente permiso para tocar en Palleirós, un ritual simbólico realizado mediante versos recitados polos seus membros. O consentimento, recibido con entusiasmo polos habitantes da aldea, simboliza o respecto, a unión e a conexión histórica entre pobos.
Unha vez concedido o permiso, o fulión iniciou o seu percorrido polas rúas da localidade. O ritmo dos bombos marcou o paso dun baile circular e acompasado, envolvendo á veciñanza nunha celebración colectiva. Ao longo do traxecto, houbo tamén un pequeno refrixerio para repoñer forzas e continuar gozando da xornada.
A fuliada do Fulión da Mourela pra Acá é, en esencia, unha exaltación da vida en común, do sentimento e do orgullo polas raíces. A través da música e do baile, Manzaneda reafirma a súa identidade e fortalece os lazos sociais.

