
O Inorde e os municipios que integran o Xeodestino Trevinca-Valdeorras celebraron hoxe, 17 de marzo, a comisión de seguimento nunha cova en Seadur de Larouco, para liquidar a execución das actividades do plan de acción do 2021 e avanzar no deste 2022.
Na reunión se deron conta dos cambios anunciados por Turismo de Galicia nos xeodestinos e que suporá a reconfiguración deste que pasará a chamarse “Trevinca-Valdeorras” quedando integrado polos seguintes municipios: A Veiga, Larouco, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras, A Rúa e Carballeda de Valdeorras.
Neste 2022 teñen previsto desenvolver actuacións para promocionar este destino asociadas ao seu novo claim “Terras que saben” —presentado a comezos de ano en Fitur— que conxuga o saber do carácter histórico deste territorio co sabor da súa gastronomía.
Durante a xuntanza, tamén avanzaron na proposta que se trasladará a Turismo de Galicia neste ano, para asinar o correspondente convenio e ampare ao xeodestino nas actuacións que se prevén realizar durante o ano, así como perfilar o importe do cofinanciamento que achegaría o Inorde, os concellos que agora quedan no xeodestino, e o que se lle solicitará a Turismo de Galicia.
O ano pasado desenvolveron un plan de acción que incluíu formación sobre comercialización turística dirixida ao sector privado, a organización dunha viaxe de familiarización coa que se levou aos operadores turísticos a coñecer a oferta enogastronómica deste destino, a promoción dos municipios cunha roulotte vintage por catro cidades galegas, e a realización dun showcooking na Feira de Turismo de Interior en Valladolid para promocionar os produtos enogastronómicos da zona.
Neste mesmo sentido, conseguiron que a hostalería do xeodestino teña o seu propio espazo na guía gastronómica e de restaurantes da provincia de Ourense —www.restaurantesourense.com—. Nesta plataforma, os consumidores poden atopar unha completa información detallada dos establecementos de restauración distribuídos por concellos.