lunes. 05.12.2022

O xeodestino “Trevinca-Valdeorras” promocionarase cun road show

A campaña, presentada na praza Bispo Cesáreo, comeza hoxe e percorrerá ao longo dos vindeiros días as localidades de Valladolid (coincidindo con Intur), León e Ponferrada

somoscomarca_roadtripo_xeoedestino_alcaldes_2022-11-17
O xeodestino “Trevinca-Valdeorras” promocionarase cun road show

O xeodestino “Trevinca-Valdeorras” viaxará co seu claim “Terras que Saben” a través dunha roadshow por cidades de Castela e León co obxetivo de lograr unha maior notoriedade da súa oferta turística neste mercado de proximidade.

Para oficializar o comezo desta campaña celebrouse un acto institucional na praza Bispo Cesáreo a cargo do presidente e da xerente do Inorde, Rosendo Fernández e Emma González; do xefe da área provincial de Turismo en Ourense, Cecilio Santalices, e os alcaldes e alcaldesas da Rúa, Larouco, O Barco de Valdeorras, Petín, A Veiga e Vilamartin de Valdeorras.

Trala presentación, este vehículo publicitario comeza esa andaina de promoción coa campaña “Terras que Saben” a través da cal dará a coñecer os principais recursos turísticos destes concellos ofrecendo degustacións de produtos enogastronómicos que constitúen un dos seus principais atractivos.

A primeira parada deste vehículo publicitario terá lugar en Valladolid, nun enclave de referencia na capital castelá leonesa como é a praza Zorrilla, o día 18 de novembro, para facelo coincidir coa celebración da Feira Internacional de Turismo do Interior que, do 18 ao 20, estará dirixida ao público en xeral. Ao día seguinte, o 19 de novembro, chegará a León, concretamente estará ubicado na rúa San Pedro e, por último, o 20 de novembro, chegará a Ponferrada á praza do Concello. O Road Show estará en todas estas cidades en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 ás 20.00 horas.

Estas localidades elexíronse por formar parte dun mercado emisor prioritario, xa que os tempos que o potencial visitante inviste ata chegar a Trevinca-Valdeorras vai desde os 40 minutos ata as dúas horas e media.

Ademais co obxetivo de involucrar á poboación local de cada cidade, realizaranse sorteos de estancias entre aqueles que se acheguen ao vehículo promocional e reciban a información dos recursos turísticos do xeodestino.

O xeodestino Trevinca-Valdeorras está integrado polos concellos do Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, A Veiga e Vilamartin de Valdeorras.

O xeodestino “Trevinca-Valdeorras” promocionarase cun road show