viernes. 30.05.2025

O Bolo pecha o 2024 cun balance de progreso e tradición

Un ano marcado por proxectos clave, obras de mellora e o impulso das tradicións culturais

 

O Bolo pecha o 2024 cun balance de progreso e tradición

O Concello do Bolo conclúe o ano 2024 con importantes avances en proxectos estratéxicos e iniciativas culturais que favorecen a chegada de turistas ao municipio. O alcalde Alberto Vázquez cualifica o ano como «moi positivo», destacando actuacións relevantes como a resolución da situación da Ponte de Barxa.

«A reparación da Ponte de Barxa levaba estancada cinco anos, pero finalmente conseguimos desbloqueala grazas ao financiamento da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que cubrirá o 80% do custo, mentres que a Deputación asumirá o 20% restante», sinalou o rexedor.

Deportes e infraestruturas renovadas

No ámbito deportivo, o Bolo celebrou con éxito eventos como a carreira de orientación e a BTT da Ruta do Viño. Ademais, o alcalde destacou a segunda edición da Feira Irmandiña e a Vitela. Duas iniciativas que fomentan a participación cidadá e dinamizan o municipio. 

No eido das infraestruturas, acometéronse melloras en estradas clave, como o tramo entre Fornelos e San Pedro, Celavente, A Regueira, Vilaseco e o acceso a Veiga Florida, en Valdanta. Entre outras moitas que enumerou o propio alcalde.

Tamén destacou a renovación dos vestiarios do polideportivo que conta agora con novas duchas financiadas grazas ao apoio da Xunta de Galicia.

Santuario das Ermitas: 400 anos de historia

Por outra banda, un dos eventos máis destacados do ano foi a conmemoración dos 400 anos do Santuario das Ermitas, que contou con paneis informativos, conferencias, un concerto e unha andaina. O Rosario das Ermitas abriu as celebracións o día 6 de outubro, e as actividades continuarán en 2025.

De feito, Vázquez destaca que dende a incorporación dunha guía turística en abril, o Bolo rexistrou preto de 3.000 visitantes en sete meses, facendo especial fincapé no crecemento do interese por visitar a zona. 

Tradicións recuperadas e aposta pola vivenda

O 2024 tamén estivo marcado pola recuperación de tradicións, como a Estoupa do Xudas no domingo de Pascua, e a unión dos entroidos de Buxán e Celavente nun desfile conxunto. Ademais, por primeira vez, os Reis Magos percorreron todos os pobos do Bolo, levando alegría a toda a veciñanza.

No ámbito residencial, o Plan Local de Vivenda, apoiado polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, busca asentar poboación a longo prazo. «Estamos elaborando un estudo que en breve presentaremos á cidadanía. Queremos poñer solución á problemática da vivenda no noso municipio», asegurou Vázquez.

O Bolo pecha o 2024 cun balance de progreso e tradición