jueves. 29.05.2025

O Bolo volve á Idade Media coa II Feira Irmandiña

Este mércores día 14 celebrarase esta festa con sabor a historia. Haberá pregoeiro, unha proxección audiovisual sobre os muros do castelo e representacións teatrais
portada
O Bolo volve á Idade Media coa II Feira Irmandiña.

Este mércores 14 de agosto celébrase na contorna do castelo do Bolo a segunda edición da Feira Irmandiña. Unha festa que se fai lembrando o pasado desta construcción na Idade Media e un dos feitos máis relevantes como foi o ataque dos Irmandiños a esta fortaleza. 

Este segundo ano chega con novidades, como un pregoeiro, unha proxección audiovisual sobre os muros do castelo e representacións teatrais. O músico e científico Carlos Domínguez será o encargado de ler o pregón ás 12:00 horas na praza, onde estarán ubicados os postos de produtos tradicionais. 

Precisamente Carlos Domínguez deu o pasado sábado un concerto íntimo, guitarra e voz, en Córgomo Arte. Nado en Madrid pero con ascendencia do Bolo, volta cada verán á casa dos seus pais. Dicía precisamente o pregoeiro a este medio sentirse «muy conectado con Galicia, con esta tierra. Siento una conexión brutal». 

somoscomarca_obolo_feirairmandiña_202320232578 (29)
Feira Irmandiña (ano 2023).

Nesta segunda edición seguirá tendo especial protagonismo a feira de produtos tradicionais da vila e da comarca, como o viño, o aceite, o mel, os embutidos, os doces, a artesanía. Un total de 23 postos estarán abertos durante todo o día na praza. Dentro do recinto amurallado instalarase este ano un posto de comida, que terá como novidade o porco asado ao espeto.

Ademais nos arredores da fortificación haberá xogos para os nenos e tamén estará presente a música con cantos de taberna tradicionais. Para promover o coñecemento da historia do castelo faranse visitas guiadas de balde ao interior do castelo ás 11:00, 13:30, 18:00 e 19:30 horas.

Entre as novidades deste ano haberá unha representación teatral no exterior do castelo pola noite, ás 20:00 horas, e tamén animación de rúas para que os veciños se reúnan a partir das 19:00 horas para subir ata o castelo e inaugurar a feira. A parte teatral estará a cargo da compañía Platea Lúa.

A outra innovación deste ano será un video mapping que se proxectará sobre a torre do castelo ás 22:00 horas baseado na historia do asalto a fortificación polos irmandiños e Idade Media. A proxección poderá verse dende moitas partes do casco urbano e incluso dende as parroquias de arredor. Dende o Concello animan aos visitantes a acudir vestidos de época.

O Bolo volve á Idade Media coa II Feira Irmandiña