viernes. 31.07.2026

«Queremos demostrar que se pode vivir no rural»: a Feira Irmandiña do Bolo medra sen perder a súa esencia

A cuarta edición reunirá 29 feirantes, estreará un espazo para os produtores locais e incorporará un Museo Vivo da Idade Media para seguir convertendo a historia do castelo nun atractivo turístico e económico
b

Hai catro anos, cando o Concello do Bolo decidiu crear a Feira Irmandiña, non buscaba organizar un mercado medieval máis. A intención era moito máis ambiciosa, recuperar un dos episodios máis descoñecidos da historia do castelo e, ao mesmo tempo, ofrecer unha oportunidade aos artesáns e pequenos produtores do rural para dar a coñecer o seu traballo.

Ese espírito continúa sendo o mesmo na cuarta edición, que se celebrará o vindeiro 14 de agosto, como explicou o alcalde, Miguel Ángel García, durante a entrevista concedida a Radio Valdeorras Onda Cero.

«Queremos darlles visibilidade aos artesáns e demostrar que a xente pode vivir no rural facendo unha actividade da comarca», resume o rexedor, convencido de que iniciativas coma esta tamén contribúen a manter vivo o territorio.

Ese crecemento reflíctese tamén nos números. A feira contará este ano con 29 feirantes, a cifra máis alta desde a súa creación, con postos de artesanía, mel, doces, viños, produtos tradicionais e gastronomía.

Un escaparate para os produtores do Bolo

Entre as novidades desta edición figura un espazo reservado exclusivamente aos produtores do municipio. A idea nace dunha realidade moi sinxela: moitos comerciantes locais non poden abandonar durante todo o día as súas carnicerías, tendas ou supermercados para instalar un posto na feira.

Para que tamén eles estean presentes, o Concello habilitará un expositor conxunto no que se venderán produtos elaborados no Bolo, permitindo que os visitantes tamén poidan descubrir o que se produce no propio municipio.

Un castelo que conta a súa propia historia

A Feira Irmandiña non podería entenderse sen o Castelo do Bolo. De feito, toda a celebración xira arredor dun dos episodios máis singulares da súa historia, o asalto irmandiño do século XV, que provocou a destrución parcial da fortaleza e a súa posterior reconstrución.

Ao longo da xornada realizaranse catro visitas guiadas gratuítas —ás 11.30, 13.30, 17.30 e 18.30 horas— para descubrir a historia da fortaleza, pero Miguel Ángel García anima tamén a percorrer con calma o interior da Torre da Homenaxe, onde o visitante pode mergullarse na vida medieval.

«Temos cascos, armaduras, espadas, roupa de cabaleiro e de muller... A xente pode probala, tocar os materiais e sentirse parte desa época», explica o alcalde, convencido de que coñecer a historia é a mellor maneira de entender o valor deste enclave patrimonial.

Precisamente para completar esa experiencia, a principal novidade deste ano será o Museo Vivo da Idade Media, que chegará da man do grupo de recreación histórica Palla Áurea. A partir das 18.00 horas, o patio do castelo converterase nun auténtico campamento medieval, con armamento, ferramentas, roupa e obxectos da vida cotiá explicados por especialistas que amosarán como eran utilizados durante a época das guerras irmandiñas.

Os nenos abrirán a festa

Outra das novidades chegará incluso antes da propia feira. O 13 de agosto celebrarase por primeira vez o Día do Nano Irmandiño, unha xornada dedicada aos máis pequenos con xogos e actividades que este ano servirá para inaugurar a programación, cando nas edicións anteriores era a encargada de pechala.

Xa o día 14 volverá celebrarse o II Concurso de Disfraces Medievais, aberto tanto a nenos como a adultos, en categorías individuais e por grupos. Os gañadores recibirán cestas de produtos tradicionais e as inscricións permanecerán abertas ata o 13 de agosto no Concello. As persoas participantes deberán desfilar polo patio do castelo ás 12.30 horas, na categoría infantil, e ás 19.00 horas, na de adultos.

Un pregón con raíces bolesas

O encargado de abrir oficialmente a feira será este ano o investigador, escritor e etnógrafo Carlos Xabier Ares Pérez, un profundo coñecedor da historia e das tradicións galegas, con raíces familiares nas Ermidas, Celeirós e Celavente. A súa elección responde precisamente á súa vinculación co territorio e ao seu labor na divulgación do patrimonio cultural galego. O pregón celebrarase ás 12.00 horas.

A mirada dos máis pequenos

A implicación do municipio reflíctese tamén no cartel desta edición. Os debuxos que lle dan forma foron realizados polos once alumnos do colexio público do Bolo, despois dunha visita ao castelo e ao Museo Yosso. Tras un obradoiro de debuxo, os escolares plasmaron a súa propia visión da fortaleza e da súa historia, un traballo que posteriormente foi integrado no cartel definitivo pola artista Vanessa Rodríguez Bello, do Estudio Garabizo.

Unha comida máis flexible e segura

Outra das decisións adoptadas este ano afecta á restauración. O Concello deixa atrás a tradicional comida popular con venda anticipada de entradas para apostar por unha fórmula máis aberta.

No patio de armas instalarase unha pulpeira, con tapas de polbo a 10 euros, e un bar no que se servirán empanadas, pan e bebidas, ademais da oferta gastronómica dos propios postos da feira.

Segundo explicou Miguel Ángel García, o cambio responde tanto á dificultade de calcular o número de comensais como á necesidade de reducir riscos derivados da elaboración da comida ao lume en pleno mes de agosto. «Se sobraba comida era unha pena e, se faltaba, quedabamos mal. Ademais, facer lume nestas datas tamén supón unha responsabilidade», recoñeceu.

A feira permanecerá aberta entre as 11.00 e as 20.00 horas, converténdose un ano máis no punto de partida dun intenso mes de agosto no Bolo, marcado polo regreso de numerosos veciños emigrados e por unha programación festiva que busca, como insiste o seu alcalde, que quen se achegue ao municipio «veña coñecernos, desfrute das actividades e marche con ganas de volve

«Queremos demostrar que se pode vivir no rural»: a Feira Irmandiña do Bolo medra sen...