O Concello do Bolo deu este venres a benvida aos participantes do campo de voluntariado Volobriga, un proxecto que reunirá durante os próximos días a 14 mozos e mozas, acompañados por catro monitores, para colaborar na conservación do patrimonio histórico e cultural do municipio.
O alcalde, Miguel Ángel García, foi o encargado de recibilos na Casa do Concello antes de iniciar unha visita guiada ao Castelo do Bolo, onde puideron coñecer unha parte da historia que centrará o seu traballo durante esta experiencia.
Segundo explicaron os propios participantes, a maioría escolleu este campo de voluntariado polo seu carácter histórico, xa que unha das principais tarefas consistirá en recoller as historias e lembranzas dos veciños para evitar que ese patrimonio inmaterial se perda co paso do tempo.
Ademais deste labor de investigación e recuperación da memoria oral, os voluntarios colaborarán na preparación da IV Feira Irmandiña, que se celebrará o próximo 14 de agosto, participando na montaxe do recinto e apoiando a organización durante o desenvolvemento do evento.
Tras a recepción oficial, o grupo visitou o Castelo do Bolo, un dos símbolos patrimoniais do municipio e escenario principal da Feira Irmandiña, onde durante a súa estancia tamén contribuirán a divulgar a historia local entre os visitantes.
