lunes. 01.06.2026

«O cambio foi un gran salto»: Aurentino Alonso celebra o éxito da nova ubicación da Feira do Viño de Valdeorras

O alcalde do Barco destaca a gran afluencia de público, a boa acollida da nova ubicación e o impacto dun evento que considera clave para a promoción da comarca
somoscomarca_aurentino_feira do viño
somoscomarca_aurentino_feira do viño

A XXVII Feira do Viño de Valdeorras baixou o pano deixando tras de si unha sensación practicamente unánime: a da boa acollida. Así o considera o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, quen fixo unha valoración positiva dunha edición marcada polo cambio de ubicación ao Campo da Festa, a ampliación a tres días e unha notable afluencia de visitantes durante toda a fin de semana.

«En xeral foi moi positivo», resume o rexedor. «Todas as opinións que recollín, tanto de adegueiros como de visitantes, apuntaban na mesma dirección: o salto foi importante».

Aínda que os datos oficiais de asistencia corresponden ao Consello Regulador, Alonso asegura que a percepción compartida foi a dunha feira máis concorrida ca nunca. «A sensación era que había moita máis xente que en edicións anteriores», sinala. Especialmente durante a xornada do sábado, cando o recinto chegou a rexistrar unha afluencia masiva. «Había miles de persoas pola tarde e pola noite», afirma.

Máis espazo e máis comodidade

Un dos grandes cambios deste ano foi o traslado da feira desde Viloira ata o Campo da Festa. Unha decisión que, segundo o alcalde, resultou acertada.

«Hai moito máis espazo e iso permite que a xente se mova con máis comodidade», explica. Ao novo emprazamento sumáronse ademais novas propostas como a carpa, as actuacións musicais e diferentes actividades paralelas que contribuíron a dinamizar o recinto.

Para Alonso, a combinación de todos estes elementos fixo posible que o que inicialmente parecía un simple cambio de escenario acabara converténdose nun auténtico revulsivo para o evento.

Un chamamento ás adegas ausentes

Durante o acto inaugural, o alcalde puxo en valor a participación de 22 adegas, a cifra máis alta dos últimos anos. Con todo, tamén aproveitou para lanzar unha reflexión dirixida ás que decidiron non estar presentes.

«Hai máis de corenta adegas dadas de alta no Consello Regulador e eu creo que deberían participar máis», sinala. Ao seu xuízo, a presenza na feira non só debe entenderse desde un punto de vista comercial, senón tamén como unha mostra de compromiso co territorio.

«Estar na feira tamén é unha forma de agradecer o que Valdeorras che deu. Non se trata só de vir levar beneficios; tamén hai que contribuír a fortalecer aquilo que os fai posibles», argumenta.

Valdeorras é moito máis ca godello

Outro dos aspectos que Alonso quixo reivindicar é a riqueza vitivinícola dunha comarca que vai máis alá da variedade branca que lle deu fama internacional.

«O godello ten unha calidade excepcional e chegou para quedar, pero Valdeorras non é só godello», afirma. O alcalde destacou tamén o papel doutras castes autóctonas como a mencía, o sousón, o merenzao ou a garnacha tintoreira, unha variedade pola que confesa unha especial predilección.

Cristian Escuredo, un embaixador da comarca

Entre os momentos máis celebrados da feira estivo o pregón do actor e cantante Cristian Escuredo. Unha elección que o alcalde considera un acerto absoluto.

«Sempre leva Valdeorras por diante e ten un recordo para esta terra alá onde vai», destaca. Alonso asegura que o discurso do artista conectou coa xente precisamente porque falaba desde a experiencia persoal e desde o coñecemento profundo da comarca.

«Foi un pregón moi sentimental, no que moitos nos vimos reflectidos. Creo que foi un gran acerto contar con el», afirma.

Un motor para a economía e a imaxe da comarca

Máis aló da festa, o alcalde subliña o impacto económico e promocional dun evento que considera de «primeirísimo nivel».

A ocupación hostaleira, a chegada de visitantes de distintos puntos de Galicia e doutras comunidades, así como a presenza de profesionais do sector, reforzan cada ano o papel da feira como escaparate da comarca. «O impacto é moi potente. Estamos falando dun evento que pon O Barco e Valdeorras no mapa», destaca.

Por iso, non dubida en felicitar ao Consello Regulador polo traballo realizado e pola súa capacidade para seguir facendo medrar a feira edición tras edición.

Unha terra á que volver

Preguntado pola imaxe coa que lle gustaría que marchasen os visitantes que pasaron estes días pola feira, Aurentino Alonso teno claro. «Gustaríame que marchasen coa sensación de que somos unha comarca acolledora, de que aquí estiveron a gusto e de que esta é unha terra que merece a pena volver visitar», conclúe.

Un desexo que, a xulgar polo ambiente vivido durante toda a fin de semana, semella estar máis preto de cumprirse que nunca.

«O cambio foi un gran salto»: Aurentino Alonso celebra o éxito da nova ubicación da...