somoscomarca_obarco_feiradoviño (29)
Había calor. Moita calor. Pero tamén había ganas de feira, de reencontros e de viño. E se alguén conseguiu condensar todo iso nunha soa intervención foi Christian Escuredo.
O actor e cantante valdeorrés converteuse no gran protagonista da xornada inaugural da Feira do Viño de Valdeorras cun pregón cheo de chispa, retranca, emoción e sentimento de pertenza. Un discurso no que o viño foi o fío condutor, pero tamén a escusa perfecta para falar da familia, das raíces, da amizade e da maneira de entender a vida en Valdeorras.

«Ser pregoeiro desta festa faime moita ilusión, non só por ser veciño, senón polo orgulloso que me sinto de levar sempre na boca, vaia onde vaia, a palabra Valdeorras», confesou ante un público que respondeu con constantes aplausos.
Escuredo construíu o seu pregón mesturando anécdotas persoais, supostos estudos científicos imposibles e unha boa dose de humor. «Din que todo o bo comeza por uve: vacacións, viaxes, os venres, o viño e, por suposto, Valdeorras», proclamou arrancando as primeiras gargalladas da tarde.

Pero entre broma e broma tamén houbo espazo para a emoción. Especialmente cando apareceu a figura do seu avó Domingo, veciño de Soulecín, convertido no auténtico protagonista sentimental do discurso.
«Vou facer unha homenaxe ao meu abuelo porque me trae moitas lembranzas co tema do viño», explicou antes de relatar algunhas das súas historias favoritas, como aquela na que o médico lle recomendara beber un só vaso de viño nas comidas e el decidiu mercar o vaso máis grande da tenda para seguir cumprindo a prescrición ao pé da letra.

As referencias á súa terra estiveron presentes durante toda a intervención. Falou das viñas, da cultura do viño transmitida de xeración en xeración, da vendima, das aldeas e mesmo dos incendios que castigaron a comarca. «Aquí as viñas non son só paisaxe; tamén son memoria, son cultura, son vida, pero sobre todo son traballo», destacou.
Entre os momentos máis celebrados estiveron tamén as súas reflexións sobre o papel social do viño. «O viño non é borracheira. O viño ponte máxico. Tan máxico que hai conversas que nunca empezarían e seguramente tamén hai persoas que non existirían», afirmou provocando os aplausos do público.
Para Escuredo, o viño é moito máis que unha bebida. «Os momentos con viño son unha forma de estar no mundo un pouco máis amodo. Cando abrimos unha botella hai unha historia detrás», asegurou.

O pregón rematou cun chamamento ao desfrute responsable da festa e cunha frase que resume á perfección o espírito da feira: «Mentres haxa unha botella aberta e boa compañía, Valdeorras sempre estará na casa».
Pero aínda quedaba unha sorpresa final. Xa fóra do texto oficial, e despois de varias bromas co público, Escuredo acabou entoando o popular «Miudiño», unha desas cancións que case todos coñecen e que adoitan soar cando a alegría vai medrando arredor dunha mesa. Un peche perfecto para unha intervención que conseguiu conectar co público desde o primeiro minuto.
Unha feira que mira ao futuro celebrando 80 anos de historia
O pregón serviu para abrir oficialmente unha edición especialmente simbólica da Feira do Viño, marcada polo 80 aniversario da Denominación de Orixe Valdeorras.
A nova localización no Paseo do Malecón e a celebración da apertura en venres traducíronse nunha gran afluencia de público desde as primeiras horas da tarde, con centos de persoas percorrendo as casetas das 22 adegas participantes.

A inauguración reuniu a numerosas autoridades, representantes institucionais, adegueiros, viticultores e veciñanza nun acto no que o orgullo de pertenza a Valdeorras foi o fío condutor de todas as intervencións.

O presidente do Consello Regulador, Marcos Prada Ginzo, lembrou que a denominación conta cunha tradición vitivinícola de máis de mil anos e destacou o momento que vive o sector. «A Feira do Viño converteuse nun dos grandes espazos de encontro, proxección e celebración dos viños do noso territorio», afirmou, salientando ademais a participación de 22 adegas, a cifra máis alta da última década.

Pola súa banda, a representante da Deputación de Ourense para Valdeorras, María Carmen González Quintela, puxo en valor o traballo de viticultores e adegueiros ao longo de oito décadas e mostrouse orgullosa do prestixio alcanzado polos viños da comarca.

O director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, destacou a evolución da feira e o seu crecente atractivo turístico. «É unha feira moi importante para a promoción dun dos tesouros que ten Valdeorras, que é o seu viño», indicou, valorando tamén o traslado ao Malecón como unha oportunidade para atraer máis público e facer medrar o evento.

O subdelegado do Goberno, Eladio Santos, quixo desmontar unha frase cada vez máis repetida. «O godello non é unha moda», proclamou. «Recuperouse e consolidouse hai cincuenta anos, paso a paso, con criterio, sen présas e con rumbo». Para Santos, o éxito actual dos viños valdeorreses é o resultado do traballo constante de xeracións de profesionais que apostaron pola calidade cando poucos crían nela.

A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, incidiu na idea ao destacar que os viños de Valdeorras «levan tempo situándose entre os máis recoñecidos nos grandes certames», grazas a «un saber facer colectivo que combina tradición e innovación».

O alcalde do Barco, Aurentino Alonso, destacou as novidades desta edición e animou ás adegas da denominación a implicarse cada vez máis nun evento que definiu como «a gran festa do viño de Valdeorras». Aproveitou a ocasión para agradecer ao Consello Regulador a organización dunha feira que «evolucionou para medrar e consolidarse como un evento de referencia». Nun ton reivindicativo, pediu ademais unha maior implicación das adegas da denominación. «Hoxe hai 22 adegas aquí e hai 41 na D.O. Esta é a festa do viño de Valdeorras, na que deberían estar todos presentes», sinalou.

Con todo preparado, a música, os brindes e as conversas prolongáronse ata ben entrada a noite nunha primeira xornada que confirmou que a Feira do Viño segue medrando sen perder a súa esencia: celebrar unha terra que leva séculos expresándose a través das súas viñas.

