Foi en outubro de hai 45 anos cando Gema Fernández Vizcaya comezaba o seu labor como bibliotecaria na Rúa. Apaixonada do seu traballo, acabou dedicando toda a súa vida aos libros e a cultura da que se despide para dar paso á súa xubilación.
O seu labor como bibliotecaria comezou no ano 1977 cando, ao finalizar os seus estudos de bacharelato, decidiu atender a biblioteca que naquel entón ocupaba unha aula do CEIP Manuel Respino. Coa construción do novo Concello, o espazo pasou á planta baixa do edificio, dando paso a unha sala máis nova e máis ampla.

Pero, foi no ano 1992 cando a biblioteca volveu mudar de lugar ata o edificio de Cultura, onde ocupaba dúas salas. Con todo, uns anos despois cambiou á actual localización, dando paso a un espazo máis amplo e con máis servizos acordes á época, como o acceso aos ordenadores e internet.
Co paso dos anos, a profesión cambiou moito e as novas tecnoloxías facilitáronlle o traballo. «As fichas do libro facíanse a man, eran un rectángulo e íanse catalogando libro por libro. Despois, coa máquina de escribir facíanse as fichas e metíanse nun ficheiro», explicaba.
Pero, como lembraba, tamén cambiou a demanda dos lectores e os servizos da área. «Os libros que máis se recorrían eran as enciclopedias e agora case non teñen importancia porque se emprega o copia- pega e xa van ao ordenador para buscar. Agora prestamos servizo de ordenadores e internet potente e veñen cos seus portátiles para estudar».

E é que o espazo da biblioteca foi evolucionando co tempo. De feito, «agora estamos na rede de bibliotecas e alguén que busque algún libro xa sabe en que biblioteca está». Con este sistema, os bibliotecarios poden coñecer se o usuario está penalizado por non devolver algún exemplar ou polo seu deterioro nalgún outro centro porque, como lembraba entre risas, «houbo xente que me dixo que llo mordeu o can».

A bibliotecaria non quixo esquecerse de todas as persoas que doaron nalgún momento exemplares á o centro. «Teño que lenbrar ás persoas que doaron á biblioteca: Ramón Quiroga, Xesús González, Diego Alonso, Iñigo, Miriam, Asunción Arias, Concello de Petín, Toño Blanco, Chavito, José Ares, Domingo Docampo, entre moitos outros».

«A biblioteca xa non pode definirse soamente como un espazo que garda un conxunto de libros organizado. Hoxe temos que ver a biblioteca pública coma un espazo cultural, centro de entretemento, informativo, formativo educativo e lúdico aberto a tódolos sectores sociais, no que os libros xa non son a única fonte de información», aclara Gema a micro pechado.
«É preciso poñer en valor a biblioteca para dar resposta e atender as necesidades dos usuarios, son a razón de ser das bibliotecas, sin eles, perdería o seu sentido de centros de entretemento cultural, evasión e información», engade.

«As bibliotecas públicas prestan os seus servizos sobre a base de igualdade de acceso de todalas persoas, independentemente da sua idade, raza, sexo, relixión, nacionalidade, idioma ou condición social», subliña.

Os servizos que a día de hoxe presta a biblioteca da Rúa son: Préstamo a domicilio, lectura en sala, prensa diaria, internet, ordenadores e terminales de acceso público, información bibliográfica, fondo local, reprografía, hemeroteca, catálogo Online e o propio espazo, coma punto de encontro ou espazo polivalente.

O labor de Gema foi imprescindible na biblioteca da Rúa e así llo quixeron facer ver o pasado luns, 2 de maio, cando o alcalde do Concello, Álvaro Fernández, facíalle entrega dunha placa con un texto gravado de Rosalía de Castro. E, é que despois de dedicar toda unha vida a dar servizo no espazo bibliotecario, Gema xa ten ocupación en mente que, como a autora galega pola que ela ten devoción —Rosalía de Castro—, o seu tempo libre irá dedicado ao seu pequeno horto. «Xa plantei unha árbore» explicaba entre risas. E, nos animabámola a escribir un libro, aínda que foro coas vivenzas de 45 anos entre libros, de seguro que daban para moito.

Pechamos este «libro» non sen antes agradecer a Gema a súa dedicación e profesionalidade ao longo da súa vida. Desexámoslle unha bonita xubilación desfrutando dos dela e coma non cun libro entre as mans.
A conversa mantida con gema Fernández Vizcaya podes reproducila na seguinte ligazón: