jueves. 29.05.2025

«O público foi aprendendo de folclore e hoxe é moito máis esixente»

O vindeiro 12 de agosto arrincan as Xornadas folclóricas na súa trixésimo novena edición. Falamos co seu coordinador, Xabier Álvarez, sobre a historia destas actividades
somoscomarca_obarco_xornadasfolclore_2023 (54)
Xornadas de Folclore (ano 2023).

As Xornadas de Folclore acadan este ano 39 edicións, dende o seu inicio no 1984. Arrincan así o seu percorrido pola provincia de Ourense o día 12 de agosto, e farán parada no Barco de Valdeorras o martes 13. Continuarán o seu percorrido en Viana do Bolo o xoves día 15; na Rúa o venres 16; o sábado 17 será a quenda de Trives; e o luns 19 de Manzaneda. En todas as citas o horario será o mesmo: ás 22:30 horas.

Xabier Álvarez é o coordinador destas Xornadas, e con el falamos sobre as citas deste mes e, sobre todo, da evolución da iniciativa nestes case 40 anos de historia

SOMOS COMARCA: En liñas xerais, que podemos agardar das Xornadas este ano?

XABIER ÁLVAREZ: Traemos seis grupos. Tres de América —México, Panamá e Colombia—, un de África —Senegal—, un de Asia —Taiwán— e outro de Europa —Serbia—. Virán preto de 200 artistas que estarán durante 10 días por toda a provincia traendo o seu folclore. 

SC: Que grupos poderemos ver en cada municipio?

XA: Non irán os mesmos grupos a cada parada, así conseguimos que todas as comarcas poidan ver aos seis. Por exemplo, ao Barco e a Trives van Colombia, Taiwán e Serbia; e á Rúa, Viana e Manzaneda van Panamá, Senegal e México. Todo o público pode desprazarse fácilmente para ver a todos os grupos. 

SC: Case 40 anos de historia, cóntanos como foi o progreso destas Xornadas.

XA: Foi avanzando coa provincia e coa sociedade. Aqueles primeiros anos comezouse cun festival de folclore europeo, e logo fumos ampliando polo mundo. Antes viñan a unha provincia distinta á que hai hoxe, igual que a poboación, que antes era moito máis numerosa. Tamén os grupos, que agora son máis profesionais, e tamén as conexións entre os municipios. Os grupos viñan como unha novidade excepcional e hoxe en día é máis sinxelo. O público ademais foi aprendendo de folclore e hoxe é moito máis esixente. 

SC: Como xurdiu esta iniciativa no 1984?

XA: Foi iniciativa do Grupo Castro Floxo de Ourense. Comezaron a participar en certames internacionais nos anos 80 e propúxolle á Deputación algo do que fumos vendo cando saiamos fóra. Ese foi o xerme. Traer a Ourense folclore doutros países, igual que facíamos nós fóra. Dende entón foron sumándose localidades e medrando con grupos de todo o mundo. 

Pode escoitar a entrevista con Xabier Álvarez neste enlace de audio

«O público foi aprendendo de folclore e hoxe é moito máis esixente»