
As Xornadas de Folclore volven un ano máis á provincia de Ourense na súa trixésimo novena edición, na que participarán seis agrupacións folclóricas procedentes de Colombia, México, Panamá, Serbia, Senegal e Taiwán. As actividades desenvolveranse dende o día 12 até o 22 deste mes de agosto.
O percorrido incluirá parada no municipio do Barco de Valdeorras o martes 13 de agosto; en Viana do Bolo será o xoves 15; na Rúa o venres día 16; o sábado 17 será a quenda de Trives; e o luns 19 de Manzaneda. En todas as citas o horario será o mesmo: ás 22:30 horas.
Os encargados de espallar a súa música, baile e tradicións pola provincia serán 173 artistas das seis agrupacións: Colombia (Fundación Ballet Folclórico de Nobsa Colombia); México (Ballet Folk. Instituto Tecnológico de Celaya); Panamá (Academia Andrés Valiente, Danzas y Proyecciones Folklóricas); Serbia (Kud Srem); Senegal (Ballet Jammu); e Taiwán (Yuan Yuan Dance Group).
O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández; o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; e o director das xornadas, Julio Fernández Senra, explicaron no Pazo Provincial os detalles dun evento que se celebra en Ourense desde o ano 1984.

César Fernández destacou na súa intervención a importante resposta do público, cunha media aproximada de 25.000 espectadores grazas a ese carácter itinerante pola provincia, permitindo coñecer as manifestacións folclóricas doutras culturas, «sempre moi enriquecedor para unha terra como Ourense, tamén cunha tradición folclórica e etnográfica moi importante».
Pola súa banda, Anxo Lorenzo subliñou que con estas xornadas enriquécese o panorama galego, «xa de por si rico», de manifestacións do folclore da cultura tradicional, ofrecendo cada ano unha visión do folclore doutras partes do mundo.
Xulio Fernández quixo recoñecer o gran labor que hai detrás deste evento, citando a coordinación de Xabier Álvarez, aos guías e voluntarios que traballarán a diario cos máis de 170 artistas que actuarán na provincia.
A Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, organiza este festival coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta e dos diferentes Concellos que acollen este evento.