sábado. 20.04.2024
ccg_ig_especial_retrato_10389
Chega ao ecuador a emisión de A camisa de Lauro Olmo

A decisión de Lola de marchar traballar a Alemaña ante a negativa do seu home a facelo centra o terceiro dos episodios de A camisa, adaptación sonora da premiada peza dramática escrita por Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras, 1922-Madrid, 1994). A ficción en formato podcast foi feita por A quinta do Cuadrante, con dirección de Tito Asorey, e parte da tradución que Ramón de Valenzuela fixo do texto orixinal. O Consello da Cultura Galega (CCG) e o concello do Barco de Valdeorras foron os encargados deste proxecto  que conmemora o centenario do nacemento de Lauro Olmo e o sesenta aniversario da estrea da peza.

"O desexo de emigrar é algo que non ten idade nesta vila. Os adultos loitan por facer realidade a posibilidade de marchar, e os pequenos non poden facer máis que tratar de copialos, como Loliña e Nacho, que xa soñan, case antes de chegar a adolescencia, cun futuro lonxe do seu país. Lola soña tamén con darlles un futuro mellor aos seus fillos e toma a resolución de marchar á Alemaña, xa que o seu marido, Xan, está decidido a quedar na súa terra. Durante a cea na súa casa debaterase esa decisión, con consecuencias imprevisibles...". Este é o argumento do terceiro dos cinco episodios da adaptación sonora de A Camisa, xa dispoñible desde o web do Consello da Cultura Galega.

Un drama en cinco capítulos

Xan e Lola son un matrimonio que se instala no arrabalde chabolista de Madrid coa súa familia: os seus fillos, Loliña e Agostiño, e mais a avoa, coa esperanza de prosperidade. Malia a súa camisa nova, Xan non atopa o traballo que ansiaba e nesa infrutuosa procura afloran outros temas como a marxinalidade, o paro e o alcoholismo, nunha España afogada que convidaba ao exilio. A peza dramática escrita polo valdeorrés Lauro Olmo sobre os problemas da clase baixa española dos anos sesenta foi publicada en 1960. Estreouse primeiro en Bos Aires e tivo que agardar ata 1962 para poder pasar a censura e chegar ao Teatro Goya de Madrid. Foi traducida a múltiples idiomas e obtivo diversos galardóns, entre eles o Premio Nacional de Teatro.

A adaptación sonora divide a historia en cinco capítulos de entre 12 e 15 minutos de duración que se emiten cada venres. Chus Silva foi a encargada da parte técnica da sonorización, que permitiu crear un espazo sonoro evocador. O elenco artístico está formado por Melania Cruz (Loliña, Lola), María Costas (avoa) Josito Porto (señor Paco, Ricardo), Nacho Castaño (Nacho, Sebas), Vanesa Sotelo (Muller, María), Tito Asorey (Xan, Tío Marabillas) e Davide González (Agostiño, Lolo). Rosa Moledo foi a responsable da asesoría lingüística.

Chega ao ecuador a emisión de A camisa de Lauro Olmo