viernes. 30.09.2022
portada

A reprogramación de citas de consultas realízase de xeito individualizado por teléfono polo que se non foi avisado a súa cita mantense

Ante a emerxencia sanitaria, declarada polo Real Decreto 463/2020, de 14 de Marzo, e na liña do Plan Territorial de Emerxencias da Comunidade Autónoma de Galicia, os centros sanitarios públicos de Ourense, na liña dos do resto de Galicia, vense na obriga de tomar unha serie de medidas excepcionais, para garantir a protección da poboación, fronte a pandemia de coronavirus, de cara a preservar e garantir a dispoñibilidade de recursos sanitarios para facer fronte ás necesidades prioritarias actuais.



Así, desde esta fin de semana, procedeuse a reprogramación de citas para consultas e probas diagnósticas non esenciais. Medida que se valorará desde cada servizo, e se comunicará individualmente a cada paciente telefónicamente, polo que por norma xeral toda aquela persoa que non reciba un aviso neste senso, deberá acudir na data fixada. A premura na toma de decisións, e o alto volume de consultas e probas, pode dar lugar a que algún paciente non sexa localizado a tempo, non si, ante a dúbida é mellor acudir.

Ainda que na situación actual é dificil precisar cando, todas as consultas reprogramaranse en datas vindeiras en canto sexa posible, tamén vía telefónica e de xeito indivisualizado, polo que non é necesario realizar trámite algún.

Autotest de coronavirus

A Consellería de Sanidade vén de publicar, a través da páxina web, un autotest para consultar síntomas e resolver dúbidas relacionadas con esta enfermidade. O test personaliza as respostas o que permite ofrecer recomendacións adaptadas á situación de cada persoa, incluídos aqueles que estean pendentes de que se lle tomen as mostras para saber se están contaxiados, ou a espera dos resultados das mesmas, ou que deron positivo, con recomendacións a seguir.

Cómpre lembar que o novo coronavirus transmítese principalmente por vía respiratoria e polo contacto directo con secrecións respiratorias. Na maioría dos casos a infección por esta enfermidade cursa sen maiores problemas, no 80% dos casos, pero en determinada poboación, como persoas maiores, pacientes crónicos, ou inmunodeprimidos pode xerar severas complicacións polo que importante seguir con rigor as medidas de protección das autoridades sanitarias, manténdose na medida do posible na casa, extremando a hixiene de mans e respectando a limitación de contactos sociais e distanzas.

Revisións infantís e calendario de Vacinas

O calendario vacinal para os mais pequenos (11, 12 e 15 meses) mantense nos Centros de Saúde, polo que convén acudir na cita fixada, ou seguir as instrucións do seu persoal de pediatría e, en caso de dúbida, pedir cita telefónica co seu Centro de Saúde para aclaralo.

Asemade, as unidades de Pediatría de Atención Primaria manterán tamén as revisións dos catro primeiros meses de vida, incluidos no Programa de Neno San e, na medida do posible, procurarase non alterar o calendario, poñendo as vacinas mais importantes nos lactantes. Calquera reprogramación de cita comunicarase tamén individualmente por vía telefónica

É importante aclarar que as consultas de revisión das  mulleres  embarazadas programadas en principio se manteñen. De feito, para tranquilizar e dar resposta, desde o Servizo de Xinecoloxía e Obstetricia trabállase no establecemento dunha vía de comunicación directa con elas para darlles información.

En xeral, na liña do que se ven transmitindo ao conxunto da cidadanía instase a manterse na casa na medida do posible, e facer uso da consulta telefónica, para recibir consello médico ou de enfermería ante cadros clínicos habituais como arrefríos, gastroenterite, etc. Sen acudir ao centro de saúde.

Mínimos históricos en Urxencias e PAC

Froito do compromiso da cidadanía coa necesidade de recursos da sanidade pública de Ourense, tanto os Servizos de Urxencias dos tres hospitais da provincia, como o conxunto dos 14 Puntos de Atención Continuada existentes están rexistrando unha actividade mínima histórica, que acadou o mínimo este sábado, con 73 atencións no PAC de Ourense, 23 no de Verín e 26 no de O Barco, e ao redor dun centenar de atencións nas urxencias dos Hospital Universitario de Ourense.

Nesta liña de colaboración, desde a Área Sanitaria faise un chamamento para deixar o 061 só para urxencias graves e emerxencias, aconsellando solicitar cita telefónica no Centro de Saúde ou chamar ao número de información 900 400 116, que vén de reforzarse con máis persoal, e no que tamén poden consultarse dúbidas ou sintomatoloxía leve.

Á area sanitaria reorganiza os seus recursos para loitar contra a pandemia