A fin de semana pasada subía ata Roblido, un dos pobos castigados polo gran lume de agosto. Está situado no alto do val, nun lugar privilexiado desde o que a vista se abre cara ás Terras de Trives, as de Quiroga e as nosas, as de Valdeorras. Desde o seu pico, Roblido mira o val do Sil e moito máis, mira a súa propia historia recente, escrita a base de resistencia.
Cando o incendio comezou a avanzar, os veciños non esperaron por ninguén. Máis de sesenta desbrozadoras puxéronse a traballar ao mesmo tempo para facer un perímetro arredor de todo o pobo. Un cerco de urxencia, feito con mans propias, que acabou sendo decisivo. As lapas chegaron preto, pero non entraron.
O camiño ata alí segue a contar o que pasou. Vas subindo entre piñeiros queimados, moitos deles xa cortados, cun chan aínda negro que comeza a mudar de cor segundo gañas altura. A terra vai enverdecer de novo cando culminas o ascenso e chegas ao pobo. E alí, contra todo prognóstico, o que atopas non é silencio nin abandono, é Nadal.
Este decembro, como xa fixeran en agosto, os veciños de Roblido decidiron actuar todos a unha. Se daquela foi para salvar as casas, agora é para vestir o pobo de luz e de sentido. Na entrada, un nacemento de madeira avisa de que aquí se traballou a reo. O local social, onde se xuntan, está adornado con campás feitas con maceteiros. Cada recuncho invita a pasear con calma.
Nunha das prazas, un carro de madeira cheo de cervos, tamén feitos a man, dá a benvida. Na outra, un piñeiro de Nadal ergueuse como símbolo. As fontes están todas engalanadas, pero se hai un lugar que concentra a admiración é a Casa do Pobo. «Isto é unha marabilla», digo abraiada nada máis chegar. Cando vas subindo e ves todo queimado, entristécese un pouco, pero chegas aquí e isto é outra cousa.
O impulso non é novo, pero este ano foi especial. «Arrincou hai un par de anos por un concurso do Concello: o pobo mellor decorado, a casa mellor decorada, a asociación mellor decorada», explican. Durante dous anos seguidos levaron premio e, aínda que este Nadal xa non había concurso, decidiron ir un paso máis alá. «Cada ano fas unha cousiña máis. Este ano tirouse para adiante».
Se queres ver todo o que fixeron este Nadal os veciños de Roblido e como aluma a noite fai clic aquí.
Hai nomes propios, como Raquel, veciña incansable, pero sobre todo hai unha maneira de facer colectiva. Celebran todo xuntos: cando hai concurso, cando hai premio e cando non o hai. «O cocido facémolo sempre», din. Se non hai galardón, hai igualmente mesa, cesta e encontro.
A conversa volve inevitablemente ao lume. A recuperación avanza desigual. «Ao redor do pobo, polas pradarías, xa se ve verde. Iso regenerou rápido. Nos pinares vai tardar máis». As ladeiras están cubertas con palla para evitar arrastres e protexer as captacións de auga. A auga, precisamente, segue sendo un dos problemas. Hai subministración, pero non é potable. «Fixemos apaños con filtros caseiros, a auga chega, pero potable, como di Sanidade, non é».
As axudas, din, chegan tarde e mal. «Hai moitísimos escollos. Ás veces é mellor buscarte a vida que pasar pola burocracia». A sensación é coñecida: a foto oficial, a promesa, e logo o esquecemento. «Pasan os meses e segues desaparecido».
E, con todo, Roblido non agarda. Non agardou cando viu o lume subir polo monte, nin agarda agora para reconstruír a normalidade. «Para min é un pobo marabilloso: antes do lume, durante o lume e despois do lume». Un pobo que se salvou porque se organizou e que agora se ilumina porque cre no común.
Antes de marchar, Javier o presidente da asociación de montes lanza unha mensaxe sinxela, dita desde o alto do val, coa luz do inverno caendo sobre as casas: «Feliz Bo Nadal a todos, especialmente aos de Valdeorras. Despois dun verán tan duro, hai que levantarse e seguir».
En Roblido xa o están facendo.
Se queres escoitar a entrevista aos veciños preme no seguinte vídeo:
